O terceiro día de folga volve parar o transporte de viaxeiros/as

Os sindicatos urxen a Consellaría a abrir "canles de diálogo" para resolver o conflito

Nacional -

Como era de agardar, a terceira xornada de folga no transporte de viaxeiros/as por estrada está a rexistrar un seguimento que practicamente acada o 100% do servizo, sen apenas actividade nas estacións de autobuses de todo o país e con escaso tránsito nas zonas rurais. Diante deste novo éxito, as centrais sindicais urxen a Consellaría de Infraestruturas a actuar con responsabilidade e concretar hora e día para unha reunión tripartita, no mesmo formato que estaba prevista para o luns da pasada semana e que a propia Xunta se encargou de dinamitar desconvocándoa e chamando as partes por separado.

Esta terceira xornada de paro deixa unha fotografía moi semellante a dos días anteriores: dársenas sen autobuses, paradas no rural baleiras e miles de condutores/as en folga en defensa dos empregos e das súas condicións laborais. "Esta folga é un éxito porque o persoal está moi concienciado de que se a Consellaría leva adiante o seu plan de reordenación do transporte están en xogo os seus empregos", apuntaba o responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza.

Neste senso cualificou de "incríbel" e "irresponsábel" que logo de tras xornadas de parálise no transporte de viaxeiros/as a conselleira de Infraestruturas non teña aberto unha porta ao diálogo e continúe enrocada nas súas acusacións ás organizacións sindicais e á patronal. "É fundamental que haxa unha mesa onde negociar e poder chegar a un entendemento. Pode ser que non alcancemos un acordo, pero se non hai aberta unha canle de diálogo está claro que o acordo é imposíbel", valorou.

O sindicalista lembrou que, alén de para amosar o rexeitamento do sector ao plan da Xunta, a folga convócase tamén para esixir da patronal o desbloqueo da negociación colectiva, xa que os catro convenios provincias están sen asinar.

O mércores, nova xornada de folga

A respecto do desenvolvemento da folga, Pastoriza sinalou que como nas xornadas anteriores, o paro estase desenvolvendo con total normalidade e sen incidentes.  Para a xornada de mañá, mércores, na que tamén hai folga, as tres centrais sindicais terán unha xuntanza para avaliar o resultado dos catro días de paro e estudar un novo paquete de medidas a adoptar.

Volver