A única garantía de futuro para as fábricas de Ferroatlántica é manter a vinculación coas centrais hidroeléctricas

A CIG demanda a intervención da Xunta para paralizar e desautorizar a operación de venda que a empresa pretende levar adiante

Cee -

A CIG manifesta o desacordo coas pretensións de Ferroatlántica de vender as centrais hidroeléctricas que a empresa explota na Costa da Morte, pois entende que a única garantía de futuro para as fábricas de Cee e Dumbría e os empregos é manter vinculadas e dentro do mesmo grupo as actividades de ferroaleacións e de produción de enerxía.

E así llo fixo saber na reunión que esta mañá mantiveron en Madrid o Comité de Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas e o Presidente de Ferroatlántica, Pedro Larrea, e na que tamén participaron o Secretario da Unión Local da CIG de Cee, Xabier Santos, e o Secretario Confederación de Organización, Paulo Carril. Unha reunión que, ao entender da central sindical, confirma que estamos ante unha operación puramente especulativa e un novo espolio dos recursos do noso país.

"Como no ano 92, a empresa anuncia investimentos e melloras que nunca se realizaron"

 A empresa xustifícase ligando a venda á obtención de fondos que presuntamente destinará ás fábricas, de igual xeito que no ano 92, cando o Grupo Villar Mir (propietario de Ferroatlántica) adquiriu o complexo industrial, as centrais e os encoros, anunciando investimentos e melloras (como o famoso forno 23) que nunca se realizaron.

Neste senso, a CIG lembra que precisamente o aproveitamento dos recursos hidráulicos permitiu a Ferroatlántica consolidar a súa posición de liderazgo no sector. "As explicacións do Presidente non son críbeis nin poden xerar confianza", aseveran os dous sindicalistas

A este respecto, a CIG tamén se cuestiona a política da empresa, que aproveita os nosos recursos mineiros (véxase a explotación da mina de Serrabal), pero que se nega pechar todo o proceso de produción no nosos país, esquilmando así os bens naturais de todos dos galegos e galegas sen achegar contrapartidas socioeconómicas.
 
Por iso, a CIG esixe da empresa que cese no seu empeño de vender as centrais e demanda un Plano Industrial de futuro en base as condicións que permitiron a autorización administrativa dos aproveitamentos hidráulicos. "É dicir, que as centrais permanezan dentro do grupo, asumindo a non segregación das actividades enerxéticas e de ferroaleacións. Ese é o único modo de garantir o interese público e o mantemento dos empregos. Esa é a opción de ouro de Ferroatlántica", afirman.
 
Para a central sindical, a reunión deste xoves demostra tamén a urxencia de que o Presidente da Xunta atenda a solicitude de xuntanza remitida polo Comité e interveña sen demora, paralizando esta operación especulativa e non autorizando a segregación.
"Co seu silencio, a Xunta convértese en cómplice, permitindo que se poñan en risco 400 empregos"

 A CIG considera que os cambios administrativos aos que se refire a empresa non amparan as súas pretensións e denuncia que o goberno galego, "co seu silencio, estea a colaborar na actuación da empresa, e permitindo que se poña en risco a continuidade de 400 postos de traballo".

Así as cousas, mañá, venres, o persoal reunirase en asemblea para valorar novas mobilizacións a realizar até que a compañía cese no seu intento ou a Xunta se aveña a cumprir coa legalidade.

Volver