A Unidade de Atención a Centros de Educación non atende as chamadas telefónicas

Segundo indicaron á CIG-Ensino centros educativos fano por instrucións da propia consellaría
Nacional - 07 Xul 2017

A Unidade de Atención a Centros (UAC) da consellaría de Educación non atendeu, durante os últimos días de xuño, as chamadas que se realizaban desde as direccións dos centros. Segundo indicaron de diversos centros, pasados estes días e unha vez establecida comunicación co persoal da UAC, comentaron que tiñan orde de non atender as chamadas dos centros por estar en mínimos de persoal e estar a realizar outras funcións.

A CIG-Ensino explica que a finais de cada curso, nos centros educativos, os trámites administrativos con prazos fixados de entrega de documentación multiplícanse: actas de avaliación, envío de documentación variada en soporte electrónico (Plambe, Club de Lectura, Normalización,…).

Calquera mínima incidencia como falta de conexión a internet ou fallos técnicos no XADE, xera enormes complicacións aos equipos directivos e ao profesorado en xeral. Máis aínda se o servizo de atención que presta a Consellaría non funciona como tal.

Para a CIG-Ensino “non é admisible que a consellaría non preste un servizo fundamental como este por falta de persoal e mesmo dando instrucións de non atender telefonicamente as chamadas”.

Por iso demanda da Consellaría que dote á UAC do persoal necesario para atender de forma correcta aos centros en todo momento.