A VI Asemblea da CIG de Carballo reelixe a Indalecio López como secretario da Unión Local

No proceso tamén se escolleu a nova Executiva
Carballo - 25 Mai 2018

VI Asemblea da Unión Local da CIG de Carballo reelixiu a Indalecio López como secretario, no proceso que se celebrou o pasado sábado 19 de maio e no que tamén se renovou a Executiva local. Ao proceso concorreu unha única candidatura encabezada por López, tanto para a secretaría local como para a Executiva, que obtivo o respaldo unánime das e dos asembleístas.

Deste xeito, a nova Executiva da UL da CIG de Carballo queda conformada polas seguintes persoas:

1. Indalecio López Rodríguez

2. Eva Rodríguez Porto

3. Agustín Méndez Loureiro

4. María Carme Muíño Corral

5. Laura Valera Castro.

Unha Executiva de "xente nova e proactiva"

Ao remate da Asemblea, que contou coa participación de Xabier Filgueira, secretario da Unión Comarcal da CIG da Coruña -da que depende a Unión Local-, Indalecio López destacou a aposta que se fixo por incluír na Executiva "a xente nova e proactiva que representa en gran medida a realidade laboral da comarca". Subliñou a presenza maioritaria de mulleres neste organismo da dirección local e que proveñen de empresas e sectores importantes para a bisbarra, como Conservas Calvo, Celsa Atlantic, Gadisa ou o sector téxtil.

Ademais, fíxose un chamamento á secundar e espallar nos centros de traballo de toda a comarca a convocatoria de folga xeral da CIG para o vindeiro 19 de xuño, porque sobran as razóns.