A VII Asemblea da CIG de Pontevedra reelixe a Marcos Conde secretario comarcal

Un dos principais obxectivos para os vindeiros anos será “dar a batalla” contra as reformas
Pontevedra - 12 Xun 2017

Marcos Conde Farto foi elixido de novo secretario comarcal da CIG de Pontevedra na VII Asemblea celebrada este sábado no Pazo da Cultura con 121 votos a favor, 1 en branco e 6 nulos. A candidatura de consenso para a Executiva Comarcal, que abría tamén Conde, obtivo igualmente 121 apoios, 1 branco e 6 nulos; e a lista de representantes da bisbarra no Consello Confederal saíu adiante con 119 votos, 1 branco e 7 nulos. Durante o acto homenaxeouse á xeración que axudou a erguer o proxecto sindical na comarca.

Composición da nova Executiva Comarcal:

1. Marcos M. Conde Farto.

2. Rosa Abuín Rodríguez.

3. David Couñago Mouriño.

4. Francisca Ferradás González.

5. Lois Nodar Pena.

6. Soedade Fernández Silva.

7. Fernando Romero Casas.

O Informe de Xestión da anterior Executiva Comarcal, que foi aprobado con 108 votos a favor e 2 abstención, repasa a situación social e económica da bisbarra de Pontevedra, “que é semellante ao do conxunto do país”.

Segundo se indica, a taxa de paro do 18% “non amosa por si soa a gravidade da situación, “xa que a precariedade é a tónica dominante para a maior parte da clase traballadora, e ter un traballo non garante poder ter unhas condicións de vida dignas”. Por este motivo, gran parte do traballo desenvolvido neste tempo pola Unión Comarcal consistiu en loitar pola recuperación de dereitos roubados coa escusa da crise.

Aínda que o número de persoas desempregadas reduciuse en 10.329 persoas na bisbarra de Pontevedra nestes catro últimos anos, a poboación activa en baixou en 5273 persoas, ao tempo que a poboación diminuíu en 7726. “Esta realidade é preocupante, sobre todo na comarca de A Estrada-Deza, onde a poboación se reduciu nun 7% e a poboación activa nun 5%.

En canto ao proceso de eleccións sindicais, saliéntase o feito de que neste último período a central logrou o primeiro posto no conxunto da comarca, superando o 32% dos delegados/as que se elexiron, e superando en 101 representantes á UGT, sindicato que ocupaba o primeiro lugar no anterior proceso. “En conxunto medramos tres puntos porcentuais, alcanzando o 32,33% con respecto ao período anterior no que quedaramos de segunda forza co 29,16%, por detrás da UGT que tiña o 32,04% (central que baixa 5 puntos neste período); e obtivemos 7 puntos máis que CCOO (que baixa 4 puntos con respecto ao anterior período)”.

Ademáis, a CIG-Pontevedra é central sindical máis representativa nas federacións de FGAMT (44%), Construcción (42%), Ensino (37%) e Servizos (30%). Por Unións Locais, a valoración que recolle o documento é tamén positiva. “Mantemos e ampliamos a primeira posición en Pontevedra (pasamos do 33 % ao 35%); alcanzamos a condición de primeira forza no Salnés (do 26% ao 31%); e no que respecta á Estrada-Deza logramos manter numéricamente a representatividade, mentras que UGT e CCOO baixan 38 e 17 delegados/as respectivamente, mellorando a nosa porcentaxe nun 3%).

Dar a batalla para recuperar dereitos

O recén electo secretario comarcal, Marcos Conde, adiantou durante o seu discurso que os vindeiros próximos catro anos “serán duros, xa que as reformas impostas non se retirarán sen loitar”, e incidiu en que “do mesmo modo que se gañaron dereitos laborais e sociais no pasado teremos que recuperalos outra vez na rúa”.

Lamentou que nesa batalla a CIG atoparase soa “xa que CCOO e UGT están entregados á política de pactos sociais que leva consigo o que estamos a sufrir, porque das medidas foron pactadas entre o sindicalismo estatal, a patronal e os Gobernos de Madrid como por exemplo a máis recente: entregarlle ás mutuas a capacidade de control das baixas por enfermidade común”. Diante disto, asegurou que a central ten por diante un reto ineludíbel, que pasa por afortalar a organización, levar o sindicato ás empresas e aos distintos sectores “para dar a batalla pola recuperación de dereitos no día a día”.

A novel organizativo interno, apostou por preparar novos cadros sindicais, consciente de que a CIG é unha organización colectiva, polo que se fai imprescindíbel incorporar a novos/as compañeiros/os, “preparando así o que será o relevo da xeración que ergueu o sindicato”.

Tamén insistiu na necesidade de axilizar a coordinación entre os liberados/as das distintas federacións para afrontar con maiores garantías tanto a acción sindical como as eleccións sindicais. “Precisamos planificar mellor e analizar os sectores nos que aplicar esforzos a medio e longo prazo, porque o noso obxectivo non pode ser outro que manter a condición recén gañada de primeira forza pola oportunidade que nos dá de fortalecer e organizar a clase obreira a través da acción sindical”.

Agradecemento aos compañeiros/as

Mellorar a participación dos delegados/as na vida diaria do sindicato e formar cadros sindicais nos comités para incorporalos ás estruturas da central sindical foron outros dos obectivos que esxpresou. “Temos que crear organización nas empresas para avanzar na conquista de dereitos e de calidade de vida e reforzar o papel das seccións sindicais”.

Finalmente, chamou a ampliar a socialización dos conflitos. “É necesario comprender que a CIG é unha ferramenta que está ao servizo da clase traballadora e do país, e por tanto a nosa obriga é mellorarmos día a día e facer máis eficaz a nosa organización para que esta ferramenta cumpra coa súa función”.

Durante acto celebrado no Pazo da Cultura rendéuselle unha homenaxe á xeración que axudou a erguer o proxecto da central sindical na comarca de Pontevedra, “en especial a todas aquelas persoas que sen ter desempeñado responsabilidades de dirección estiveron dende o principio contribuíndo a poñer en marcha e a consolidar a CIG na bisbarra”.

Representantes da comarca no Consello Confederal:

1. Marcos M. Conde Farto.

2. Diana Rodríguez Regueira.

3. Rosa Abuín Rodríguez.

4. Xosé Nogueira Rodríguez.

5. Anxo Lúa Areas.