A Xunta ataca a negociación colectiva galega impugnando o convenio da Pintura da provincia da Coruña

A FCM-CIG convoca concentración o martes 10 de xullo, en San Caetano

Nacional -

A Xunta de Galiza vén de impugnar o convenio colectivo da Pintura da provincia da Coruña, asinado recentemente pola CIG e a patronal APECCO. A Federación de Construción e Madeira da central sindical denuncia que estamos ante un "un ataque insólito contra a negociación colectiva galega" e chama o sector a mobilizarse na defensa das súas condicións laborais o vindeiro martes, 10 de xullo, cunha concentración diante do complexo administrativo da Xunta en San Caetano, ás 11:00 horas.

A impugnación chega despois de que a CIG se negara a aceptar a esixencia de eliminar do acordo todas aquelas medidas que melloran as condicións xerais no sector, ao entenderen que ao facelo se invaden materias reservadas ao eido estatal. Para a FCM-CIG resulta indignante que sexa a propia Consellería de Traballo, o organismo público encargado de velar pola negociación colectiva en Galiza, quen inicie unha denuncia que busca limitar e mesmo impedir a capacidade da clase obreira galega de negociar as súas condicións de traballo.

Centralizar a negociación colectiva

A central sindical advirte que esta actuación da Xunta non é inocente, xa que detrás da denuncia existen intereses políticos, pois coincide coa visión centralista do PP, "que en lugar de defender os intereses dos galegos e galegas asume a defensa dos intereses das organizacións estatais UGT, CCOO e CEOE e dos acordos que as súas cúpulas adoptan en Madrid".

Precisamente, a FCM-CIG lembra que co asinamento deste convenio de Pintura (o último deste ramo que existe en todo o Estado español), logrouse mellorar as condicións fixadas no convenio estatal da Construción "e demostrar que canto máis próxima é a negociación colectiva máis saen gañando as traballadoras e os traballadores, e non as cúpulas sindicais e patronais estatais".

Entre os acordos aprobados no convenio de pintura que agora se pretende tombar, inclúense a cláusula de garantía salarial que permite que os salarios medren sempre máis que o IPC (e polo tanto o poder adquisitivo sempre se incremente). Estableceuse tamén un artigo referido á mobilidade xeográfica que blinda os dereitos do persoal do sector desprazado a obras fóra de Galiza: anticipo de dietas, tempos de descanso mínimos no seu fogar, ou recoñecemento pleno de todos os seus dereitos, estean onde estean.

Pretenden salvagardar a Fundación Laboral da Construción

Ademais, o convenio inclúe a fin da abriga de cotizar á Fundación Laboral da Construción (FLC), unha entidade privada "absolutamente opaca e profundamente corrupta" creada por CEOE, UGT e CCOO, e que lles valeu "para apropiarse indebidamente durante anos de fondos que deberían ser integramente destinados a formación, seguridade e saúde dos traballadores e das traballadoras". Esta Fundación, critica a Federación de Construción da CIG, tense convertido nun auténtico obstáculo para poder traballar no sector.

Neste senso, lembran que dende o marco desa Fundación Laboral até se tentou impor unha Tarxeta Profesional (TPC) obrigatoria para poder traballar, e que CIG e ELA lograron anular no Tribunal Supremo por ser completamente inxusta e ilegal.

Defensa do dereito á negociación colectiva

"Temos moi claro que non só estamos ante a impugnación dun convenio provincial; isto supón un ataque a gran escala contra o marco de negociación colectiva máis achegado ás persoas afectadas, que é o galego ou o provincial. Hoxe tocoulle ao convenio da Pintura, pero mañá pode ser calquera outro convenio no que grazas á presión e á loita sindical consigamos fixar melloras reais das condicións de vida e traballo da clase obreira", alertan.

Por iso, dende a CIG faise un chamamento á mobilizármonos contra esta nova agresión a negociación colectiva e participar na concentración que terá lugar o vindeiro martes.  "A CIG non renuncia á capacidade de negociar aquí as nosas condicións de vida e de traballo, e non en afastadas mesas escurantistas onde as cúpulas dos grandes sindicatos e patronais estatais adoptan acordos completamente de costas á clase traballadora", conclúen.

Volver