A Xunta bloquea os complementos de investigación e docencia para persoal interino das universidades

O texto da convocatoria está desde hai dous meses pero a súa publicación está paralizada

Nacional -

A CIG-Ensino vén de denunciar que a Xunta de Galiza ten bloqueados os comlementos de investigación e docencia para persoal interino das universidades. Lembra que gañara parcialmente un recurso diante da Axencia para a Calidade Universitaria de Galiza (ACSUG) para que este colectivo fora incluído dentro da convocatoria de avaliación previa ao cobro destes complementos autonómicos, o que supón 1.000 euros máis ao ano no caso do de docencia e 900 no de investigación. En total poden beneficiarse nas tres universidades 230 interinos da categoría PDI (persoal docente e investigador).

As consellarías de Educación e de Facenda manteñen paralizada a publicación da resolución que emendará a anterior convocatoria publicada pola ACSUG para regular a avaliación previa ao cobro dos complementos de investigación e de docencia. A CIG-Ensino conseguira que se estimara parcialmente a súa demanda na que se pedía que o persoal temporal das universidades galegas tamén puidera acceder ao cobro destes dous complementos, reservados até o de agora para o persoal funcionario e contratado doutor fixo.

Nunha resolución datada o 2 de marzo, a ACSUG accedía a abrir un prazo adicional para que o persoal docente e investigador funcionario e contratado doutor cuxa praza non sexa fixa ou estábel poida acollerse a esta convocatoria. Porén, tres meses despois desta comunicación a Xunta de Galiza ten bloqueada a publicación desta nova convocatoria, malia que o texto está redactado e aprobado desde hai dous meses. Segundo puido saber a CIG-Ensino, a paralización procede dos departamentos de Educación e de Facenda e só se vai abrir para o persoal interino. Ficarán polo tanto excluídas outras categorías laborais como o persoal colaborador ou o axudante doutor, entre outros.

Por iso o sindicato anima a estes profesionais a pelexar pola súa equiparación salarial e de dereitos económicos a través dos seus servizos xurídicos. “Non é de recibo que se siga discriminando certo tipo de persoal temporal”, afirma a CIG-Ensino, cando o informe encargado pola ACSUG no seu momento á asesoría xurídica da Xunta indicábase que, “tendo presente a reclamación da CIG-Ensino, deixaría de aplicarse o requisito da praza fixa e estábel”.

Contías

A percepción destes dous complementos supoñen para o persoal beneficiario arredor de 1.000 euros máis anuais na categoría de docencia e 900 na de investigación. Estímase que se poderían beneficiar da apertura dun novo prazo para optar a estas contías un total de 230 profesoras e profesores interinos nas tres universidades galegas (preto de 100 na Coruña e en Santiago e arredor de 30 en Vigo).

Requisitos

A CIG-Ensino lembra que é preciso cumprir unha serie de requisitos marcados polo Decreto 55/2004 para optar a estes complementos autonómicos:

  1. Para o recoñecemento do complemento ao labor docente:
  • Estar integrado no cadro do persoal docente de calquera das universidades públicas galegas
  • Acreditar polo menos un ano de servizo na súa praza.
  • Ter dedicación a tempo completo no exercicio da docencia.
  • Presentar unha memoria de autoavaliació

 

  1. Para o recoñecemento do complemento ao labor investigador
  • Estar integrado no cadro do persoal docente de calquera das universidades públicas galegas.
  • Acreditar polo menos un ano de servizo na súa praza.
  • Ter dedicación a tempo completo no exercicio da docencia.
  • Ter presentado na Universidade un traballo de investigación que, sendo xulgado por un tribunal avaliador, lle teña outorgado o grao de doutor.
  • Presentar unha memoria de autoavaliación na que consten os méritos investigadores do ou da solicitante.

Volver