A Xunta compromete o futuro da Costa da Morte e autoriza a cancelación do leasing das centrais sen Ferroatlántica presentar un plan de viabilidade

O persoal reitera que o proxecto de compra-venda non garante a actividade industrial
Cee - 24 Ago 2019

O pasado xoves, 14 de agosto, a Consellería de Industria informaba verbalmente ao comité da autorización administrativa para a cancelación anticipada do arrendamento (leasing) que Ferroatlántica ten sobre as centrais hidroeléctricas da Costa da Morte. Diante destes feitos, a maioría da representación social (conformada pola CIG e Independentes con 9 dos 13 membros do comité) reitera que o proxecto de compra-venda non garante o futuro das fábricas e dos empregos, e xa avanza que estuda convocar un novo calendario de mobilizacións.

Ante esta comunicación, dende a maioría do comité lembran que o 26 de xuño presentaron na Consellaría de Industria un plan de viabilidade "que é imperativo" na operación que a empresa pretende levar adiante "xa que así o establecen as distintas resolucións da Xunta, a sentenza do TSXG e até ó presidente da Xunta anunciou en sede parlamentaria que lle esixiría a Ferroatlántica dito plan, vendera ou non, polo que lle pedimos que asuma o seu compromiso e se poña de lado dos traballadores/as e da comarca".

A representación social critica tamén que malia que a Consellería de Industria comprometerse a actuar conxuntamente e a intercambiar información co comité de empresa "os feitos din todo o contrario. A día de hoxe "non se nos trasladaron os documentos presentados pola empresa nin se nos informou das reunións que mantivo a Xunta coas compañías compradora e vendedora, nin promoveu reunións a catro bandas (Administración galega, Ferroatlántica, TPG-Ithaka e comité)".

Ademais, subliñan que a representación do persoal aínda está a espera de que a Xunta de Galiza conteste ao informe xurídico da Universidade da Coruña e aos escritos presentados tanto en Augas de Galiza como na Consellería de Industria.

Unha operación sen garantías

Unha vez máis, a maioría do comité reitera que calquera operación de venda debe de ter as máximas garantías e ten que elaborarse un plan de viabilidade para asegurar o futuro das fábricas e das comarca e que respecte a vinculación e a non segregación das centrais hidroeléctricas do complexo industrial.

De feito, o pasado 7 de agosto, a preguntas do comité, Ferroatlántica confirmou que manterá os recursos legais contra a resolución de Augas de Galiza que denegaba a autorización para a segregación das centrais, e que tampouco retirará o ERTE.

Diante desta situación, a maioría do comité xa avanzou que estudará nos vindeiros días a convocatoria dun calendario de mobilizacións e que tomará "todas as accións legais que considere oportunas para velar polos seus intereses e polo futuro industrial da comarca".