A Xunta de Persoal calcula que o 061 de Galiza debe aos seus traballadores/as máis de 400.000 euros

Denuncian que non se lles está a abonar a totalidade do complemento de Atención Continuada en Vacacións

A Coruña -

A FPUSG-061 non pagou na súa totalidade o complemento de Atención Continuada en Vacacións os seus traballadores e traballadoras, dende a integración no SERGAS no ano 2007. Aínda que resulta dificultoso calcular con exactitude a cantidade que deixou de retribuír o 061 de Galiza aos seus empregados/as, a Xunta de Persoal e o delegados/as sindicais cren que esta cifra pode superar os 400.000 euros.

“Ante tal erro, pedimos á Administración que rectifique e  asuma a débeda, e tamén pedimos responsabilidades á Dirección do 061”, sinala Mario Otero, Presidente da Xunta de Persoal. O representante sindical engade que, a cantidade de diñeiro  de débeda non só afecta persoal, senón tamén a todas e todos os contribuíntes “ao deixarse de pagar a parte correspondente á Seguridade Social (aproximadamente 100.000 euros)”.

No ano 2015 varios traballadores/as descubriron que non se estaba pagando o concepto Atención Continuada en Vacacións  correspondente ao prorrateo de noites, domingos e festivos e noite de prefestivos. O importe por este concepto rolda entre os 200-600 euros por empregado/a. “Cando pedimos explicacións á Dirección do 061 de Galiza contestou que é unha decisión tomada no seu momento (sen dar máis explicacións) e négase a pagalo”, explican.

Instrucións claras

Porén, a Xunta de Persoal sinala que a lei especifica claramente -nas seguintes ordes- que se debe retribuír:

-  Instrucións da dirección Xeral de Recursos Humanos, Subministracións e instalacións, do Ministerio de Sanidade e Consumo, de data 22 de xaneiro de 1990, no que di: O persoal sanitario non facultativo e non sanitario ao servizo das Institucións Sanitarias da Seguridade Social ten dereito  a que se lle abone, durante os períodos de goce das súas vacacións anuais regulamentarias, o prorrateo das cantidades que percibise das mesmas, polo concepto de atención continuada

- E para o persoal facultativo, a orde de instrución da Dirección Xeral de Recursos Humanos, en escrito de data do 25 de novembro de 1986, indica que o cálculo das gardas médicas en vacacións, atenderase na media das realizada nos 3 meses anteriores.

“Este concepto que cobra todo o persoal do SERGAS que fai atención continuada (médicos/as, enfermería, celadores/as, PSX,…), o 061 négase a reintegralo de oficio ao descubrirse o erro. Afirmando que só paga no devandito complemento a parte das gardas localizadas e xornada complementaria”, denuncian.

Aínda así, Mario Otero apunta que resulta “curioso”, que o persoal da Central de Coordinación do 061  “nin tan sequera percibe esta parte do complemento, por un erro arbitrario por parte do 061. Neste caso a dirección recoñece o seu erro, pero de momento só realizou o pago dos atrasos dos anos 2015 e 2016 é non aclara se vai a retribuír o resto”.

Falta de negociación

A negociación coa representación do persoal neste tema tan delicado por parte da Dirección “é inexistente”, dando como resposta ás súas reclamacións que na orde de confeccións de nóminas non aparecen os complementos anteriormente citados, “cando non é certo, xa que si aparecen”.

Ademais, o pago da atención continuada en vacacións, segundo indica a lei,  ten que ser do prorrateo de todos os complementos de atención continuada das nóminas anteriores, “cando os traballadores nas nóminas mensuais si cobran todos estes complementos.

“A Dirección limítase  a rexeitar todas as reclamacións, e mesmo négase a obedecer as indicacións de RRHH do SERGAS, que si di que temos dereito a ese concepto, e “convida” os traballadores e traballadoras a ir ao contencioso, negándose a actuar de oficio”, critican.

Volver