A Xunta de Persoal da Área Sanitaria da Mariña chama á participación masiva na manifestación deste xoves

Sairá ás 20 horas dende o Hospital da Costa
Burela - 27 Feb 2018

A Xunta de Persoal da Área Sanitaria da Mariña vén de facer un chamamento a todas as veciñas e veciños da comarca para que participen na manifestación convocada para este xoves, 1 de marzo, en rexeitamento á Lei de Saúde do PP. A marcha sairá ás 20h dende o Hospital da Costa e rematará diante do Concello de Burela.

A modificación da Lei de Saúde formulada polo PP, denuncian, pretende “centralizar no gran hospital as intervencións cirúrxicas e as probas diagnósticas”. Dende a Xunta de Persoal rexeitan “enerxicamente” pertencer a área sanitaria de Lugo, xa que iso significa centralizar os recursos sanitarios na capital e incrementar os desprazamentos da cidadanía da Mariña cara Lugo. “A Mariña precisa ser unha área propia con capacidade de decisión tal e como o é a comarca do Ferrol”, aseveran.

Dende a Xunta de Persoal entenden que o obxectivo do PP con esta reforma é avanzar nas políticas de desmantelamento da sanidade pública -dando cabida á iniciativa privada-, provocar unha perda de servizos no Hospital da Costa, dificultar a accesibilidade aos servizos sanitarios, desmantelar a atención primaria, reducir o número de traballadores/as e precarizar as súas condicións laborais.

Neste senso, sinalan que os grandes beneficiados da reforma sanitaria impulsada polo PP “son os hospitais privados da cidade de Lugo. Os beneficios económicos dalgúns destes centros, como o Polusa ou a Nosa Señora dos Ollos Grandes, que curiosamente acometeu recentemente unha importante reforma das instalacións, non paran de medrar grazas as masivas derivacións de pacientes procedentes da sanidade pública ao tempo  que se reduce a carteira de servizos do hospital de Burela” afirman.

Por todo o anterior dende a Xunta de Persoal fan un chamamento á sociedade mariñá e ás traballadoras e traballadores da sanidade pública da comarca a participar masivamente na manifestación convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña.