A Xunta de Persoal da área sanitaria de Pontevedra apoia a loita dos PAC

Chama tamén a participar na marcha "pola dignidade da sanidade pública" deste xoves día 24 en Vigo
Pontevedra - 22 Xan 2019

A Xunta de Persoal da área sanitaria de Pontevedra vén de emitir un comunicado de apoio á loita dos traballadores/as dos Puntos de Atención Continuada (PAC) “en defensa das súas lexitimas reclamacións” no que lle reclama ao conselleiro de Sanidade que se sente a negociar “con propostas efectivas” para resolver un conflito laboral “que ameza con prolongarse no tempo”.

Dende a representación dos traballadores/as sinalan que as reivindicacións do colectivo pasan por contar con equipos paritarios de enfermeira/o e persoal médico; revisión dos plans funcionais de cada PAC para cubrir as necesidades actuais en cada centro; cumprimento das normativas europeas de tempo de traballo; dotación de equipos de protección individualizados, segundo se recolle na Lei de Prevención de Riscos Laborais.

Tamén reclaman o cómputo real da xornada realizada e manter as 1451 horas anuais de xornada efectiva; que non se apliquen penalizacións en situacións de incapacidade temporal ou permisos de conciliación familiar; eliminación dos obxectivos de derivación de doentes do PAC a hospitalaria; o pago inmediato do 100% dos complementos de festividade e nocturnidade, e o abono de dietas en domingos e festivos por comida e cea, conxelados desde o ano 2010; e a elaboración de calendarios de traballo dando prioridade ao persoal dos PAC.

Santiago e Vigo

Lembran que despois de varias reunións “estériles” nas que o Sergas non achegou ningunha proposta para solucionar e corrixir as demandas presentadas, o persoal dos PAC “viuse na obriga de convocar unha folga indefinida para que as súas reivindicacións, xustas e básicas, sexan escoitadas”. Neste senso, denuncian que tras máis dun mes do inicio da folga o Sergas “fai oídos xordos aos problemas dos traballadores/as, coa repercusión negativa que as carencias nestes centros teñen sobre a saúde dos usuarios/as”.

Finalmente, a Xunta de Persoal solidarízase tamén cos compañeiros/as das Urxencias do Complexo Universitario de Santiago “na súa defensa dunhas Urxencias dignas” e fai un chamamento a participar na manifestación convocada este xoves 24 en Vigo “pola dignidade da sanidade pública”.