Denuncian o crecente deterioro dos dereitos fundamentais e a criminalización das ideas

A Xunta de Persoal dos Servizos Centrais da Xunta demanda que prevalezan as liberdades públicas

Compostela -

A Xunta de Persoal dos Servizos Centrais da Xunta de Galiza vén de emitir un comunicado amosando a súa preocupación e condena polo crecente deterioro dos dereitos fundamentais e criminalización das opinións, manifestacións ou accións políticas que se traducen en encarceramento de twitteros/as, titiriteiros, representantes públicos… “todo con dúbidas máis que razoábeis sobre os fundamentos do dereito aplicado”.

Neste sentido sinala que son moitas as condenas e críticas desde diferentes organismos e organizacións, tanto dentro como fóra do Estado español ao que cualifica como “deriva de perda das calidades democráticas”.

Xunto a isto, como órgano de representación público e “coa mobilización e a protesta na súa base e a integración das liberdades fundamentais como a sindical no seu ADN”, manifesta  a súa preocupación pola “deriva actual cara tempos pasados, onde as tensións sociais se resolven pola vía do código penal”, que consideran “un dos máis estritos de toda Europa”. Unha situación diante da que aseguran que “non podemos ficar en silencio”.

Por iso, na defensa dos dereitos das traballadoras e traballadores públicos, dos servizos públicos, demandan “liberdade de expresión, opinión e mobilización” e manifestan todo o seu apoio ás persoas que “sofren a represión do Estado polo libre exercicio dos seus dereitos máis elementais. Non á criminalización da protesta, das accións sociais ou políticas” e chaman á unidade da clase traballadora “fronte ao odio”.

Volver