A Xunta de Persoal funcionario dos Servizos Centrais da Xunta exixe a devolución da parte devindicada da paga extra de 2013

Vén de coñecer a última sentenza do Tribunal Supremo ao respecto e lembra que hai multitude de sentenzas individuais a favor desta demanda
Compostela - 08 Abr 2016
A Xunta de Persoal funcionario dos Servizos Centrais da Xunta de Galiza vén de demandar a devolución da parte da paga extra correspondente ao ano 2013 tras coñecer a primeira sentenza positiva do Tribunal Supremo ao respecto do conflito colectivo presentado por este motivo. Un dos diversos presentados no ámbito do persoal laboral polo recorte nas pagas extras do 2013 perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG).

A Xunta de Persoal lembra que xa no ano 2014 o TSXG fallou favorablemente as reclamacións subsidiarias destes colectivos, tanto da Administración xeral da Xunta de Galiza como dos diferentes entes instrumentais autonómicos. “Nestes casos non se admitía a devolución do total do recorte nas pagas extras do 2013 (sobre un 5% da masa salarial) pero si da súa parte devindicada ao entrar en vigor a Lei de Orzamentos dese ano o 1 de marzo”.

Sinala que desde o pasado ano 2015, no ámbito do persoal funcionario dos corpos xerais da Xunta de Galiza, estanse a xerar multitude de sentenzas individuais que fallan na súa totalidade a favor das reclamacións que o persoal funcionario está a presentar. “En varias destas sentenzas estanse a producir costas que condenan á Administración a pagos que chegan, en casos, aos 400 € por proceso”, afirma.

Asegura que todos e cada un dos recursos presentados polo persoal da Xunta de Galicia, en todos os ámbitos (Ensino, Saúde, Persoal funcionario dos corpos xerais e persoal laboral) están dando a razón aos traballadores e traballadoras públicas.

Por iso entende que a Xunta de Galiza “está embarcada nunha espiral de recursos co obxecto de atrasar todo o posible o inevitable e sen máis expectativas que gastar os cartos da cidadanía en reclamacións estériles xudicialmente”.

Considera que non ten ningún sentido alongar esta situación e “gastar recursos públicos, tanto económicos como humanos, en pleitear contra os seus propios administrados e administradas cando o que se pretende é agochar a ineficacia política que supuxo aprobar os orzamentos, e por ende o recorte que supuxo o específico nas extras, no ano 2013”.

Así as cousas exixe á Xunta de Galicia, nomeadamente á consellaría de Facenda, que realice, canto antes, o reintegro da parte devindicada das pagas extras do ano 2013, co obxectivo de paralizar dunha vez esta dinámica xudicial e coa fin de aforrar custos e recursos públicos á cidadanía galega en pleitos sen sentido contra seu propio persoal.