A Xunta desiste do concurso de seguridade dos Edificios Xudiciais de Galiza tras as alegacións da CIG

A federación de Servizos denunciara irregularidades no proceso ao detectar distintas anomalías nos lotes da Coruña e Vigo
Vigo/A Coruña - 27 Xun 2023

A Xunta decidiu finalmente “desistir, por razóns de interese público indicadas anteriormente, ao procedemento de adxudicación do servizo de vixilancia e seguridade nos edificios da Administración de Xustiza Galicia”. A CIG-Servizos denunciara irregularidades no proceso ao detectar unha serie de anomalías nos lotes 1 e 12.

Pedro Pérez, responsábel nacional de seguridade privada da CIG, lembra que a central sindical presentou recentemente alegacións a este concurso ao detectar anomalías nos lotes 1 (A Coruña) e no lote 12 (Cidade da Xustiza de Vigo). “No primeiro caso por non figurar todas as persoas traballadoras que teñen dereito de subrogación e por ter unha partida económica insuficiente para o custe do lote; e no segundo por non contar con orzamento suficiente nin sequera para o abono dos salarios do persoal e por non incluír as xornadas de traballo deste persoal”. 

Agardamos que no novo concurso se teñan en conta estes erros e se dea a cobertura axeitada para unha efectiva prestación do servizo de seguridade e vixilancia

Isto provocou que a Xunta optase por corrixir o Anexo VI do prego de condicións -pero sen ampliar as xornadas necesarias para o persoal-, o que levou a modificar a data de presentación de ofertas, que pasou do 23 de xuño ao 3 de xullo.

Agora a Administración autonómica asume os erros do prego de condicións, xa que tamén se esqueceu de incorporar o lote do edificio do xulgado da rúa Lalín de Vigo. Para Pérez o que aconteceu “é unha verdadeira chapuza, xa que non só non ten orzamento suficiente, senón que tamén falta persoal, faltan xornadas de traballo e agora tamén se decatan de que falta un dos edificios”.

Por iso o responsábel sindical agarda que no novo concurso se teñan en conta estes erros "e se dea a cobertura adecuada para unha efectiva prestación do servizo de seguridade e vixilancia para os bens e as persoas e non se precarice un servizo realmente necesario e de interese público”.

Finalmente, insta a Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes a ter en conta a realidade da Cidade da Xustiza de Vigo, na que se fixo investimento millonario nun edificio con 19 andares, nun edificio anexo de catro e nun aparcadoiro de tres sotos, e se atendan as necesidades reais “para a realización dun servizo de seguridade e vixilancia verdadeiramente efectivo”. Neste senso, reclama que non se apliquen recortes nas quendas de tarde e que se recuperen as de noite e fin de semana a 24 horas.