A Xunta presenta uns orzamentos que non contemplan medidas para paliar a crítica situación da clase traballadora galega

Paulo Carril chama á folga xeral en demanda de políticas que responsan ás necesidades “urxentes e inaprazábeis” da maioría social
Nacional - 19 Out 2026

 

“Os orzamentos confirman que hai un Goberno en Galiza que vive noutro país, que vive fóra da realidade”. Así valora o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, os orzamentos para o ano 2027, presentados esta mañá pola Xunta de Galiza, porque nin teñen en conta a escandalosa alza dos prezos de produtos básicos; nin medidas de apoio aos sectores produtivos básicos; nin reverten as políticas de desmantelamento e privatización de servizos sociais, nomeadamente da sanidade pública; nin resolven as defciencias dos servizos de atención ás persoas.

 

“Cando temos por segundo mes consecutivo o IPC máis alto do Estado español, cando a carestía da vida está esganando ao conxunto do pobo galego, empobrecendo á maioría social, o PP non toma nin unha soa medida, nin ten previsto ningún Plan de Choque para facer fronte á carestía da vida”, denuncia Carril

Lonxe diso, o secretario xeral da CIG considera que máis ao contrario, estes orzamentos “son unha confirmación máis das razóns que fan necesaria a Folga Xeral do 11 de novembro, para demandar outras políticas públicas para dar solucións que son urxentes e inaprazábeis”.

Nese sentido, Carril reclama uns orzamentos que garantan poder ir á compra e mercar alimentos básicos; ter unha casa onde vivir ou poder pagar a luz e os combustíbeis. Denuncia, canda isto, que non se contempla nin unha soa medida de apoio “para que sectores claves do noso país, que producen alimentos poidan seguir facendo”.

Por unha vida digna

O secretario xeral da CIG lembra que neste intre, en Galiza numerosos sectores están en loita por unha vida digna. Nese sentido salienta as diversas folgas que se están a producir en moitos convenios colectivos por uns salarios dignos e denuncia que, diante disto, “o Goberno do PP só preocupado por facerlle a campaña a Feióoo, como se Feijoo non tivera feito xa mal abondo ao pobo galego polas súas políticas reaccionarias e de recortes”.

A isto engade que son uns Orzamentos que manteñen o desmantelamento e privatización da sanidade pública, “sen solución ás listas de agarda cada vez máis longas, os atrasos nas probas diagnósticas ou mesmo para conseguir unha cita, en tempo e forma, na Atención Primaria”.

Uns Orzamentos que, para a CIG, non resolven as dificultades para acceder a unha praza pública nunha residencia, “mentres se engorda o negocio privado a custo de dependentes e familias”.

Nos Servizos de Atención ás Persoas, Carril responsabiliza ao Goberno do PP de desmantelar e precarizar “con políticas privatizadoras para facer deles outro negocio máis a custo das persoas máis vulnerábeis”.

A trampa na Lei de Acompañamento

A CIG denuncia tamén que outra volta, o PP aproveita a Lei de Acompañamento para introducir novas modificacións e recortes pola porta de atrás “para seguir favorecendo o espolio e depredación dos nosos recursos naturais levando á ruína ao noso país mentres os fondos de investimento aumentan os seus beneficios e outros territorios teñen emprego e desenvolvemento”, conclúe o secretario xeral da CIG.