A Xunta recúa na súa pretensión de limitar as vacacións anuais do persoal das residencias

A CIG aposta por aumentar a presión para recuperar dereitos recortados no V Convenio dende 2012
Nacional - 29 Mai 2020

Menos de 24 horas despois das masivas concentracións convocadas pola CIG, CCOO, CSIF e UGT para reclamar a retirada da proposta de instrucións para as vacacións de 2020 para o persoal das residencias de Política Social, centros de menores, residencias de maiores e de atención a diversidade, o subdirector xeral de Persoal da Consellería comunicoulle ás organizacións sindicais a retirada das instrucións, e a apertura do prazo para facer as solicitudes, aplicando o establecido no V Convenio Colectivo Único para o persoal da Xunta.

Dende a CIG valoran positivamente o éxito das protestas de onte, pola unidade e alta participación en todos os centros e provincias e, chaman a seguir nas mobilizacións, para lograr a recuperación de dereitos que se manteñen recortados dende o 2012, “con moito máis ánimo logo desta primeira vitoria”.

Ao mesmo tempo, defenden e reivindican a necesidade de que Galiza conte cuns servizos sociais públicos, de calidade e ben dotados de medios humanos e materiais, “como o instrumento máis eficaz que vertebre e asegure a debida atención aos colectivos máis vulnerables da poboación e como elemento primordial na loita contra a Covid19, rexeitando modelos mercantilistas baseados unicamente no beneficio empresarial que deixan ao marxe o benestar do individuo e da sociedade”.

Por todo isto, seguen a esixir:

  • A defensa duns servizos sociais públicos, dignos e de calidade.

  • O incremento de prazas públicas e de xestión directa.

  • A posta en valor do traballo e o esforzo realizado durante a situación de emerxencia sanitaria coa recuperación dos condicións laborais do convenio.

  • A recuperación dos dereitos laborais que se manteñen recortados como a compensación por festivos e domingos traballados o que aumentaría o cadro persoal e rebaixaría a excesiva carga coa redución da xornada máxima anual.

  • A transformación de todos os contratos de fin de semana ou inferiores a xornada completa, reducindo a precariedade.

En definitiva, que a Consellería de Política Social proceda á recuperación dos dereitos económicos e laborais arrebatados desde a entrada en vigor da Lei 1/2012, de 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galiza, “mediante a apertura inmediata dunha mesa de negociación”.