A Xunta subvenciona con 841.236,44 euros a xornais galegos

Os cartos van destinados a “fomento da lectura da prensa escrita” ou “do uso das novas tecnoloxías nos centros docentes galegos”

Compostela -

No DOG do 23 de marzo publicábanse unha serie de convenios da Secretaría Xeral de Medios con xornais galegos de prensa escrita por un valor total de 841.236,44 €. Para o sección sindical da CIG-Adminsitración en San Caetano é rechamante o “orixinal” motivo polo que se fai o reparto deste case que un millón de euros: "fomento da lectura da prensa escrita" ou "do uso das novas tecnoloxías" nos centros docentes galegos.

Dentro desta cifra atópanse ademais un par convenios clásicos coa Corporación Voz de Galicia, S.L.U. para "a divulgación de información sobre a investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i) en Galicia" (120.000€) e máis "a difusión informativa da capitalidade de Santiago de Compostela nos medios de comunicación" (125.000€). Por este motivo tamén van outros 120.000 € para Editorial Compostela, S.A.

Convenios de colaboración para comprar xornais para os centros educativos

A CIG de San Caetano considera cando menos curioso o apelativo que merecen estes convenios de colaboración “onde unha Administración pon cartos” e a outra parte conveniante comprométese a colocar un número determinado de xornais nos centros docentes galegos. “Isto presuntamente semella un contrato de compraventa malamente disfrazado de "fomento da lectura da prensa escrita polo alumnado dos centros docentes". Custo: 310.769,37 €”, sinalan.

Tamén hai, segundo explica a sección sindical da CIG de San Caetano, a versión electrónica, na que “a Xunta pon cartos e a empresa xornalística dá acceso nos centros docentes galegos a súa web”. Consideran que “aquí aínda é mais grave pois parte destas empresas xornalísticas cobran polo acceso web aos seus contidos e polos anuncios da súa web”. Engaden ademais que “esta regalía aos xornais vai disfrazada do "fomento do uso das novas tecnoloxías de información e comunicación polo alumnado dos centros docentes galegos".  Custo: 170.467,07 €”

En total destes convenios van 481.236,44 €, moi semellante á cantidade destinada o ano pasado, para o grupo da Voz (Canal Voz, S.A. e La Voz de Galicia, S.A.) que é o que máis leva nestes convenios, cun total de 243.519,92 € (a metade do total), seguido polo do Faro de Vigo S.A.U., con 96.521,07 €

A sección sindical da CIG de San Caetano pregúntase por que non se destinan eses cartos directamente aos centros docentes públicos para que compren as publicacións e as novas tecnoloxías que precisen. Entende que ese sería un mellor xeito de fomentar a lectura e o uso de novas tecnoloxías, sen condicionalo a uns medios en concreto.

Por iso conclúen que isto “é unha vergoña absoluta” e consideran que por iso se fixo a publicación destas subvencións no DOG do 23 de marzo, “un mércores de semana santa, a ver se pasaba máis desapercibida”. Para o contido completo dos convenios en cuestión non hai publicación activa como no caso dos pregos dos contratos públicos.

Volver