Absolven traballador ao que lle pedían prisión por delito contra a liberdade sindical na folga do metal de 2009

A xuíza considera que non existen probas e pon en entredito a credibilidade da acusación

Vigo -

O Xulgado do Penal número 1 de Vigo absolveu un traballador acusado dun delito contra a liberdade sindical pola súa participación na folga do metal de 2009 ao entender que nin existen probas contra el nin se pode acreditar que sexa a persoa que aparece na imaxes analizadas durante o xuízo. A sentenza pon en entredito a credibilidade do empresario, que exercía de acusación particular, xa que sete anos despois dos sucesos “é capaz de concretar feitos que se lle escapan no momento da denuncia sendo máis inmediatos, ademais de incorrer en contradicións inexplicábeis”.

A resolución xudicial, contra a que cabe recurso de apelación diante da Audiencia Provincial de Pontevedra, decreta a absolución traballador, afiliado da CIG, acusado dos delitos de limitación do exercicio da liberdade sindical co agravante do uso da violencia, invasión de persoa xurídica e danos.

 

A maxistrada desatende a petición de tres anos de cadea e 3000 euros de multa que reclamaba a acusación particular, exercida polo propietario da empresa EYP Electricidad, ao entender que ademais de que os feitos xulgados xa prescribiron “non existen probas contra o acusado e as testemuñas de cargo son os axentes policiais e o denunciante, que acudiron ao lugar despois dos feitos, polo que non o viron cometer os feitos que se lle imputan”. 

Tamén se lle acusaba dun delito de danos durante a folga do metal de 2009

 

A xuíza vai máis alá na súa sentenza, chegando a poñer en entredito a credibilidade da acusación particular xa que sete anos despois dos sucesos xulgados “é capaz de concretar feitos que se lle escapan no momento da denuncia sendo máis inmediatos, ademais de incorrer en contradicións inexplicábeis, como que no seu día dixo que no exterior da empresa había 8 ou 10 persoas e logo no plenario declara que eran máis de 40”. Ademais, salienta que despois da reproducción das reportaxes fotográfica e videográfica no acto do xuízo oral non se pode establecer que a persoa que aparece nas imaxes sexa o acusado.

 

Satisfacción na CIG-Industria

 

Dende a federación de Industria da CIG amosaron a súa satisfacción pola sentenza que absolve o a traballador ao entender que nunca debeu ser xulgado xa que as acusacións na súa contra teñen unicamente “un afán criminalizador da loita sindical”.

 

Segundo indica o secretario comarcal da CIG-Industria de Vigo, Xulio Fernández, este tipo de sucesos “son consecuencia do endurecemento da represión contra a clase obreira auspiciada polo Estado mediante a promulgación de leis feitas a medida da patronal”.

 

Así, lembra que a central está a desenvolver diferentes campañas para denunciar a aprobación de normas como a Lei Mordaza ou a reforma do Código Penal, “que van no sentido de limitar o dereito de folga e manifestación para impedir a resposta social á eliminación de dereitos”.

 

Volver