Adíanse as folgas do mantemento de parques e xardíns de Vigo e da recollida do lixo de Nigrán á espera da mediación

Nun caso trasládase ao venres e no outro queda a expensas do que suceda na xuntanza deste xoves
Vigo/Nigrán - 25 Xul 2018

Os cadros de persoal do mantemento de parques e xardíns do Concello de Vigo e da recollida do lixo do Concello de Nigrán decidiron adiar as folgas indefinidas previstas nestes servizos a partir deste xoves 26 polo bloqueo nas negociacións do convenio colectivo á espera dos resultados da mediación.

No caso da recollida do lixo e limpeza viaria e de praias de Nigrán foi o propio alcalde da localidade o que solicitou o adiamento do paro na xuntanza celebrada este martes coa representación sindical despois de que empresa e traballadores/as achegasen posturas unha vez que a dirección se amosou disposta a aumentar a suba salarial até o 4% total nos tres anos de duración do novo convenio, aínda que existen diferencias en canto ao pago da antigüidade.

Deste xeito, o cadro de persoal optou por adiar o comezo da folga ás 23:00 horas do venres no caso de que non se chegue a un acordo coa mediación da Consellaría de Traballo que terá lugar pola mañá.

Con respecto ao servizo de mantemento dos parques e xardíns de Vigo, os traballadores/as suspenderon a folga até que non se celebre a mediación prevista na Inspección de Traballo para este xoves ás 10:30 horas. Ao día seguinte ás 7:00 horas celebrarán unha asemblea na sede da empresa para analizar o resultado do encontro e decidir se continúan adiante coa folga.