Advirten sobre o desmantelamento do servizo público contra incendios forestais e o uso privado das bases helitransportadas

A CIG denuncia que o persoal das brigadas é contratado en precario por empresas privadas
Vigo - 08 Ago 2016
O sector de Autonómica da CIG-Administración denuncia que o Goberno de Feijóo segue a avanzar no desmantelamento do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF) e critica o uso das bases helitransportadas da Xunta polas empresas. Dende a central advirten que o persoal público das brigadas “con experiencia e preparación” está a ser substituído por outro privado sen ningunha garantía da profesionalidade e que é contratado nunhas condicións de precariedade laboral, incluída a seguridade.

Segundo sinalan dende a federación de Administración da CIG, dende o inicio do seu mandato o actual presidente da Xunta decidiu prescindir da prevención porque ten un custo elevado “e non é un bo negocio para os seus amigos das empresas privadas”. A central critica que o Goberno galego fíe a loita contra os incendios forestais á climatoloxía, “sen facer prevención, desmantelando paso a paso o SPDCIF e regalándolle os contratos suculentos ás empresas amigas”.

Así, lembran que durante anos o persoal das brigadas helitransportadas pertencía á Administración autonómica e contaba con experiencia e preparación para combater os incendios forestais na primeira liña de lume. A propia Xunta, no artigo 3.19 do V Convenio, comprométese ao mantemento das brigadas helitransportadas existentes e inclúe a posibilidade de novas creacións. Mais nos últimos anos a tendencia é facer a contratación mediante empresa privada, relegando as bases da Xunta á mínima expresión.

Este ano, nun chanzo máis no desmantelamento do servizo, as brigadas helitransportadas que aumentaron en relación ao ano pasado tamén serán da empresa privada, na que non hai ningunha garantía da profesionalidade do persoal, contratado nunhas condicións de absoluta precariedade laboral, incluída a seguridade, segundo denuncian. “E para que o negocio destas empresas sexa seguro e abondoso a Xunta pon á súa disposición as bases que construíu e mantén cos seus orzamentos: heliportos, talleres, depósitos, casetas de vixilancia, etc.”, critican.

Negocio para as empresas

Neste senso, lamentan que mentres as brigadas da Xunta teñen unhas bases que en moitos casos non cumpren a normativa de seguridade e saúde laboral, as empresas privadas fan “negocio redondo” utilizando as bases das desaparecidas brigadas helitransportadas. Como exemplo citan o que acontece coas brigadas da empresa pública Seaga en Guntín ou na Fonsagrada, que teñen que utilizar como base unha caseta de obra na que en ocasións a temperatura chega aos 50 graos. “Pola contra, os propietarios das empresas amigas non teñen que gastar nada na construción, aluguer ou mantemento das súas bases porque xa llo pagamos entre todos/as”.

Diante disto, sosteñen que o Goberno de Feijóo ten demostrado que non lle importa nada que arda o monte, que non ten ningunha política definida sobre a explotación, racionalización e mantemento das áreas forestais e que non é capaz de organizar cun mínimo de coherencia o SPDCIF. “O único que lle importa ao presidente é mentir sobre a superficie arrasada polos lumes, ocultar a súa incapacidade para xestionar a loita contra os incendios forestais e regalarlle o negocio aos seus amigos”.