Afectadas/os pola selección de persoal para as residencias da Deputación de Lugo inician contactos cos grupos políticos

- 23 Ago 2017

Traballadores/as afectados/as pola selección do persoal das residencias da Deputación de Lugo mantiveron encontros cons grupos provinciais do PP e do BNG para tratar a súa situación laboral. Dende o colectivo sinalan que ambas formacións manifestaron o seu posicionamento favorábel a que se respecte a selección realizada en maio de 2015, toda vez "que se tratou dun proceso selectivo publicado no BOP e que non foi recorrido por ninguén".

Ambos grupos, explica Lois Neto, en calidade de voceiro do colectivo, tamén manifestaron que se van a posicionar, no vindeiro Consello de Administración de Suplusa, a favor da inscrición da mesma no rexistro de Entidades prestadoras de Servizos, requisito necesario para que Suplusa poida exercer a xestión das residencias.

Pola contra, desde a plataforma que agrupa ás persoas afectadas manifestaron "a nosa decepción co grupo Provincial Socialista, toda vez que despois de ter pasados máis de dez dez días non teña contestado á solicitude de entrevista". Unha petición que foi cursada por rexistro e por correo electrónico. "Entendemos que despois de dous anos de espera as persoas seleccionadas, como mínimo, merecemos o respecto de que se nos reciba e se nos escoite, e non unha actitude de desinterese cara á nosa problemática".

Esta actitude por parte do grupo socialista, engade Neto, "só xera incerteza no colectivo de persoas afectadas, posto que entendemos que debera ser o grupo socialista o principal interesado en amosar o compromiso cun proceso selectivo que foi realizado baixo a súa supervisión".