Convocada folga no Concello de Lugo para esixir a retirada da RPT e abrir un novo proceso negociador

Desenvolverase entre o luns 17 e o venres 21 de decembro
Lugo - 12 Dec 2018

Representantes das centrais sindicais AFI-USO, Ágora e CIG compareceron en rolda de prensa esta mañá para informar da convocatoria de folga no Concello de Lugo dende o luns 17 até o venres 21 de decembro en rexeitamento á nova Relación de Postos de Traballo. As centrais sindicais denuncian que a RPT é inxusta, afonda nas desigualdades salariais, non atalla as eivas organizativas pola falta de persoal "e non resolver ningunha das problemáticas que actualmente temos enriba da mesa".

Dende as centrais sindicas pídese a retirada da RPT na súa redacción actual e a apertura dun novo período de negociación "no que se conte coa presenza de todos os sindicatos con representación". Así llo trasladaron AFI-USO, Ágora e CIG esta mañá ao director xeral de Recursos Humanos do Concello, Emilio Manuel Martínez Rivas, durante xuntanza convocada polo Goberno local para abordar as reivindicacións sociais e fixar os servizos mínimos da folga.

Porén, critican, "as nosas peticións foron respondidas polo director xeral co relato oficial, reiterando os argumentos do Goberno local sen opción para a máis mínima modificación ou cambio. É dicir, o Goberno non cambiará nada da documentación actual nin ten disposición ou intención de cambiala".

Servizos mínimos abusivos

En canto ao documento de servizos mínimos, este foi presentado como unha proposta pechada, sen posibilidade de negociación e sen que no documento trasladado apareza "cando menos, a conformidade dalgún órgano do Goberno local". O representante da CIG, Fernando Fernández, cualifica estes servizos mínimos, que en departamentos como o de Persoal, Intervención ou Tesourería chega até o 70%, de "abusivos e desproporcionados" e advirte que se está a vulnerar o exercicio do dereito á folga dos traballadores e traballadoras do Concello.

Petición de dimisión

Á vista desta actitude, os/as representantes do persoal de AFI, Ágora e CIG pediron a dimisión inmediata de Martínez Rivas, "polo seu papel de mero transmisor das decisións adoptadas polo Goberno local, sen marxe para a negociación, e pola súa xestión durante o tempo que leva desempeñando o cargo que ten asignado no Concello de Lugo". De igual maneira, tamén se demanda a dimisión do concelleiro da Área de Persoal, Daniel Piñeiro, "pola nefasta, parcial, arbitraria e inxusta xestión a súa fronte".

Unha RPT desigual "e que non resolve nada"

En canto aos motivos para rexeitar á nova RPT, a representación sindical insiste en que afonda nas desigualdades salariais que se están a dar entre persoal do mesmo grupo,  xa que as diferenzas dos incrementos no complemento específico chegan nalgúns casos a superar os 400 euros. "Esta é unha RPT con falta absoluta de obxectividade e equidade, que foi elaborada por certos sindicatos, en diferentes mesas de traballo", critican.

Xunto a isto, alerta da desaparición de 55 postos de traballo con respecto ao cadro de persoal actual, polo que, en lugar de resolver os problemas de organización no Concello, a "inmensa maioría dos servizos quedarán igual que están funcionando agora". Neste senso, apuntan que nos últimos anos a poboación da cidade aumentou e que na actualidade "a xestión non vai nada ben por falla de persoal, "ante ou despois, será un caos".

Nesta liña, sinalan que a RPT non está pensada para un futuro inmediato e nin sequera contempla a implantación da axenda dixital para 2020, pois o persoal informático e a súa estrutura "será insuficiente para o bo funcionamento e para acadar os obxectivos desexados: desaparición do papel e facer que todos os servizos funcionen de xeito coordinado".

Así mesmo, a representación sindical reitera que "esta RPT non vai solucionar ningún problema que temos enriba da mesa: banda de música, funcionarización ou a subida de niveis discrecional".

Por todo isto, chaman os traballadores e traballadoras de Concello de Lugo a secundar a folga convocada dende o vindeiro luns 17 de decembro, até o venres 21.