Alcoa continúa sen aclarar que plans ten para a fábrica de San Cibrao

O comité mantivo unha reunión coa dirección da planta tras anunciar a multinacional un novo plan de axustes
San Cibrao - 18 Out 2019

O comité de Alcoa San Cibrao mantivo unha reunión este venres coa dirección do complexo para informarse das medidas de recorte anunciadas onte pola multinacional norteamericana e que afectarán a diversos centros de traballo. Estas medidas, segundo detallou a dirección, concrétanse na revisión (inmediata e durante os vindeiros cinco anos) da carteira de activos "o que se traduce en reducións de produción, peches ou vendas".

Neste momento, a empresa non puxo enriba da mesa o nome de ningunha fábrica afectada, "pero si os criterios baixo os que se analizara a viabilidade destas: as dificultades polas que pasa e as posíbeis solucións; o prezo da enerxía; a competitividade; e os custes.

O xoves 24 de outubro está convocada unha concentración ás 20:30h, en Burela

Estes anuncios non fan máis que incrementar a incerteza e os temores sobre o futuro da fábrica de aluminio de San Cibrao, polo que dende o comité lanzaron un chamado a seguir na mobilización e a reclamar nas rúas solucións que garantan a viabilidade e a continuidade do motor económico da Mariña. De aí que os traballadores e as traballadoras animen a toda a cidadanía a participar na concentración que terá lugar o vindeiro xoves 24 de outubro, ás 20:30 horas, na Praza do Concello de Burela.

"Estamos ante unha auténtica emerxencia para o emprego e para A Mariña toda", asevera o presidente do comité, Xosé Paleo. Unha situación de emerxencia que require de actuacións urxentes por parte do Goberno e avanzar na creación dunha tarifa industrial máis xusta, estábel e predicíbel "que permita poñer o prezo da enerxía ao nivel doutros países da Unión Europea".

Finalmente, dende o comité agradecen a iniciativa da FCAM de remitir 5.000 cartas ao Goberno español en demanda de solucións, así como o apoio amosado polo comercio de Xove e San Cibrao, que pechou as súas portas durante a media que duraron as concentracións realizadas en cada un destas municipios.