Alertan de posíbeis colapsos no 112 polos fallos do sistema que entrará en uso co traslado á Estrada

Os traballadores/as calculan que perderán un 14% de poder adquisitivo
Nacional - 22 Feb 2017

O servizo de atención a emerxencias, 112, trasladarase á Estrada en menos dun mes. Con el trasladaranse todas as traballadoras/es que, nese momento, comezarán a utilizar unha nova plataforma informática. A CIG denuncia que se trata dun programa que non está abondo testado, que dá fallos e que isto pode provocar un colapso do servizo. Denuncia ademais que nin a empresa, nin a Xunta teñen previsto un plan para facer efectivo un traslado que, ademais, provocará para o seu persoal unha perda de poder adquisitivo dun 14%.

Así o explicaron esta mañá en rolda de prensa a presidenta do comité de empresa, Isabel Moares e o secretario, Oscar Valadares, que anunciaron o inicio de mobilizacións para denunciar esta situación. A primeira este xoves, día 23 de febreiro, ás 12:00 horas, na Praza de Galiza, en Compostela.

A presidenta do Comité do 112 explicou que o inminente cambio de centro leva aparellado tamén un cambio no sistema de traballo que “non está sendo como tería que ser porque o novo programa co que imos traballar non está testado como debería e está dando moitísimos problemas”, o que, ao seu entender, fai que  “a formación que estamos recibindo para utilizalo sexa deficiente porque temos que parar cada dous por tres, porque o programa colapsa e non está volcada toda a información".

Entende que esta situación é grave porque nun mes, con este programa terán que dar saída a todas as incidencias que vaian entrando: accidentes, incendios, roubos, agresións… “e se o programa non funciona non imos poder traballar como deberiamos. Teremos que pasarnos ao boli e o papel e recorrer a carpetas de datos que están sen actualizar. Menos mal que contamos con experiencia e sabemos cal é o traballo, malia non termos un soporte tecnolóxico que nos axude a facelo correctamente”.

Sen plan de traslado

Isabel Moares denunciou ademais nin a administración, nin a empresa teñen plan algún para facer o cambio. Asegura que non se trata dunha cuestión técnica, se non de planificar como se vai efectivizar. Advirte que o que está en xogo con isto son “vidas humanas” e asegura que non é unha “exaxeración”, porque o 112 “é a central onde se recollen e se xestionan as emerxencias que hai en toda Galiza por terra, mar e aire e desde aí xestiónanse todos os medios”.

Perda dun 14% de poder adquisitivo

Xunto a isto, a presidenta do comité denuncia que a falta dun plan, a Xunta “pretende que este traslado o paguen as/os traballadoras/es, a xente que vai facer que funcione, que somos nós que imos para alí”.

Lembra que se gastaron 17 millóns en construír o edificio que aloxará as instalacións dos servizos de emerxencias e que, porén, non se prevé destinar nada ao traslado do persoal, malia térselles asegurado, antes das eleccións, que había unha partida destinada a este efecto, “pero na última reunión xa nos negaron todo”.

Ante isto, o propio persoal fixo contas e valorou que os custos derivados dos desprazamentos suporán para as traballadoras e traballadores unha perda de poder adquisitivo de arredor dun 14%. Unha perda salarial real que “provocará un problema para compañeiros e compañeiras que xa están valorando deixar o traballo. Xente que leva moitos anos no 112 e que é unha experiencia que se vai perder”.

Para a presidenta do comité isto aínda precarizará máis unhas condicións laborais que xa son precarias –o salario medio está arredor dos 1.000€- e afectará fundamentalmente a mulleres, que son a maioría do cadro do persoal.

Por iso anunciaron un calendario de mobilizacións e que sairán á rúa a explicar a todas as veciñas e veciños de Compostela as consecuencias que terá, non só o traslado e as deficiencias técnicas, senón tamén nas súas condicións laborais.