Caos e improvisación no uso das novas cámaras de vixilancia para a detección de incendios

CIG-Autonómica alerta da falta de información e instrucións precisas por parte de Medio Rural
Nacional - 29 Ago 2018

O sector de Autonómica da CIG-Administración alerta da "improvisación" coa que a Consellaría de Medio Rural está a incorporar ao dispositivo de incendios as novas cámaras de vídeo-vixilancia, que se están a establecer de xeito non homoxéneo nos diferentes distritos, sen informar ao persoal que, segundo parece, será o responsábel do seu manexo e sen achegar instrucións escritas e definidas.

Tal e como recollen os pregos de condicións técnicas da contratación destes dispositivos, deberían darse  cursos de nivel teórico e práctico para un correcto manexo destes aparellos, "cousa que a día de hoxe non aconteceu", denuncian dende CIG-Autonómica. Neste senso, advirten que a Consellería aínda non ten definido quen e como debe visionar estas videocámaras, incorporando así  "dispositivos moi custosos sen apenas ter artellado como insertalos dentro do funcionamento SPDCIF".

Falta de preparación interna

"Estamos ante unha nova utilización de fondos  públicos en abondosas cantidades sen sequera facer a mínima preparación interna na Consellaría para recibir estes  'avances'", critican. Hai que lembrar que as cámaras foron adquiridas dentro do programa da rede de vixilancia dos espazos forestais de Galiza, cofinanciado polos fondos europeos do Feader, e dentro do programa marco de accións do programa de desenvolvemento rural (PDR) 2014-2020.

"Dende a CIG sempre consideramos que cunha óptima utilización das novas tecnoloxías, a mellora da vixilancia e detección de incendios verase máis que reforzada", mais para isto precísase que exista unha organización e formación adecuada.

Consideran que resulta imprescindíbel que o manexo das cámaras sexa feito exclusivamente por vixiantes fixos -dende os seus puntos de vixilancia fixa- con capacidade precisa da interpretación dos datos que lle proporcionan as imaxes das videocámaras, "xa que de non ser así pódense producir erros clamorosos de interpretación, como o caso do que tivemos constancia no recente lume destes días do Invernadoiro, onde a través do visionado das cámaras se situou o lume inicialmente nun punto afastado a case dúas horas en coche de onde estaba verdadeiramente".

Vixilancia móbil

A este respecto, o sector de Autonómica reclama tamén a recuperación da figura da vixilancia móbil recollida no convenio, e a reapertura de todos os puntos de vixilancia fixa que recolle o Pladiga, así como que estes puntos de vixilancia estean abertos as 24 horas.