“Alexandre Finisterre”: do futbolín ao sindicalismo galego

Manuel Mera - 17 Nov 2021

Resulta evidente que “Alexandre Finisterre” tiña moita sensibilidade en todo o relativo a Galiza, que valoraba tanto o traballo realizado polo galeguismo no exilio como á clase traballadora galega

 Alexandre Campos Ramírez naceu en Fisterra o 6 de marzo do ano 1919, e faleceu en febreiro de 2007 en Zamora. Con 16 anos marchou a Madrid, onde ao pouco comezou a traballar na imprenta Murillo. Ese mesmo ano axudou a organizar un recital de León Felipe, co que mantería unha amizade de por vida, sendo o seu editor no exilio mexicano. Ao remate da Guerra Civil entra en Francia, de onde retorna a Galiza chamado pola súa familia; é detido e pasa 4 meses na cadea. No ano 1947 trasládase de novo a Francia despois de varios intentos fracasados. Desde o ano 1956 fixa a súa residencia en México, despois de vivir algúns anos en varios países latinoamericanos. Durante toda a súa vida sería unha persoa ligada á loita contra a ditadura franquista e a prol da República.

 O invento do futbolín daríalle popularidade. A iniciativa xurdiu durante a súa estadía en Barcelona, por mor dunha ferida perante a Guerra Civil, coa finalidade de ofrecer un xogo para os moitos raparigos tolleitos. Patentouno en 1937 e durante a súa residencia en Guatemala mellorouno.  Máis tarde marchou a México, onde fundou e presidiu a Editorial Finisterre Impresora, dende a que editou a revista do Centro Gallego e diferentes libros de poetas, entre os que se atopaban de León Felipe e Juan Larrea. Ademais fue redactor de El Nacional e editou un fascímil da revista Galeusca e o primeiro libro de poemas de Ernesto Cardenal. etc. Así mesmo, “Finisterre” fundou o Ateneo de Galicia en México e foi membro numerario da Real Academia Galega, así como da Federación Internacional de Periodistas e da Asociación de Escritores de México, da que foi membro fundador, etc. É autor de varios poemarios, así como de antoloxías, estudos e ensaios.

 Nunha viaxe que fai a Galiza no ano 1975 é detido baixo a acusación de inxurias ao xefe de Estado polo que se lle pide unha pena de un ano e seis meses, e vinte mil pesetas de multa por mor da distribución no Estado español da “Nueva Antología de León Felipe”. Sería posto en liberdade pouco despois ao aplicárselle o indulto recentemente aprobado.

 A Irmandade Galega envioulle unha carta a Alejandro Campos Ramírez, con domicilio na cidade de México, con data do 7 de marzo de 1969, en recoñecemento da súa contribución á cultura galega. A carta da IG ía asinada polo presidente, Xosé Rodríguez, e máis o secretario, Manuel Mera, e dicía o seguinte: “Por unha atención do Dr. Fiz A. Fernández tivemos oportunidade de coñecer os libros “Compostela, Revista de Galicia” e “Poesía de Galicia” editados por vostede e que constitúen un magnifico expoñente da técnica impresora, pero sobor todo unha clara manifestación do seu amor á Terra Nai. Queremos facerlle chegar as nosas máis garimosas felicitacións por estes dous fermosos libros e agardamos con fondo intrés o intre da súa nova viaxe a estas terras para ter o pracer de saudalo persoalmente”. Coido que a iniciativa na IG foi de Moisés Da Presa; un nacionalista teimoso e brillante que escribía n’A Nosa Terra as “Revoldainas”, co alcume de Lourenzo Fragoso, e que militara con anterioridade na Sociedade Nacionalista Pondal, foi a figura central da chamada “Fouce Roxa” e dun intento falido de crear un Partido Comunista Galego.

 Recuperei esta carta da IG grazas a Campos Ramírez (“Finisterre”) no ano 1998. Enviouma despois de ler un artigo que apareceu n’A Nosa Terra sobre este xornal nos anos 60 no exilio arxentino (editado daquela pola Irmandade). Dicíame “Finisterre” que a conservaba a carta da IG “como oro en paño” e que xa tiña 79 anos máis que seguía nos “tachos” como din en Mexico. Vou reproducir de seguido a parte da carta porque coido que bota máis luz sobre a súa vida, relación con Galiza e as súas inquedanzas sobre o sindicalismo.

 Quería facer unha historia do sindicalismo galego: “Estou a preparar un traballo sobor a historia do sindicalismo galego (tamén unha antoloxía da nosa poesía do século vinte, ampliación da que vostede coñece editada nos 60) polo que penso viaxar a Galiza en canto termine de liquidar os meus intereses en México”. E engade encol da cuestión sindical a pé de páxina: “O meu interese polo sindicalismo non é de hoxe. Aos 16 anos (xaneiro de 1936) entrei a traballar como aprendiz na Imprenta Murillo, controlada pola UGT, en Madrid meu pai deixarame interno nun colexio que, ao crebar os seus negocios na Coruña, non puido seguir pagando. Hoxe son membro da Federación Internacional de Periodistas”. Resulta evidente que “Alexandre Finisterre” tiña moita sensibilidade en todo o relativo a Galiza, que valoraba tanto o traballo realizado polo galeguismo no exilio como á clase traballadora galega. Por distintos motivos non se puido concretar a xuntanza que el me propuña, unha mágoa. Gardei a súa carta, así como a copia da que lle remitiu a Irmandade Galega, que el me enviou anexa.

 “Alexandre Finisterre” destaca de cando en vez nos medios en referencia ao invento do futbolín e/ou á súa relación amorosa coa pintora e poetisa mexicana Frida Kahlo (estivo casada con Diego Rivera). Mais sería un erro destacar da súa persoa só este invento, que tivo tanto éxito popular e/ou a relación afectiva con Frida Kahlo, deixando nun segundo plano o principal: a súa contribución á cultura galega como editor e escritor, nunha etapa na que o realizado no exilio foi clave.

 

[Vigo, 17 de novembro de 2021]

https://obloguedemera.wordpress.com/