Ambulancias "As Burgas" expón a risco biolóxico o seu persoal

Ourense acolleu unha nova protesta en prol dun convenio digno para o sector das ambulancias
Ourense - 21 Out 2016

O persoal de ambulancias As Burgas, con sede en Ourense, vén denunciando desde hai meses os numerosos incumprimentos da empresa en materia salarial e numerosos puntos do convenio, sen que polo momento Inspección de Traballo teña actuado. Este venres 21, no marco dunha nova concentración en prol dun convenio digno no sector, alertaron tamén de que a empresa “se nega” a lavar e desinfectar a roupa de traballo, situando o persoal baixo risco biolóxico.

As oficinas da empresa ourensá de ambulancias foron o lugar escollido pola FGAMT-CIG para realizar unha nova xornada de protesta en reivindicación dun convenio xusto no sector, nun momento en que a patronal continúa a manter as negociacións bloqueadas. Así, delegados/as chegados de diversos puntos do país, acompañados do responsábel nacional de Transportes da central, Xesús Pastoriza, sumaron as súas voces ás dos traballadores/as de “As Burgas” para esixiren condicións dignas de traballo nun sector onde prevalacen os abusos patronais e a falta de respeito pola lexislación é a norma.

A situación nesta empresa, é de feito, todo un paradigma, incumprindo o convenio en materia salarial, ao non abonar o importe de todos o traballo que realiza o persoal por conceptos como horas de presenza, nocturnidade, domingos e festivos, etc.

Porén, se cadra o máis flagrante, segundo a central nacionalista, é o incumprimento da normativa en materia de risco biolóxico, xa que a empresa non procede ao preceptivo lavado e desinfección da roupa de traballo -que segundo o convenio é unha actividade con risco biolóxico- xa que, en ocasións, as pezas vense afectadas polos fluídos dos pacientes que transportan. Deste xeito, os traballadores/as teñen que lavar a roupa na casa, co conseguinte perigo de contaminación para eles e mailas súas familias. Toda esta problemática foi denunciada xa en Inspección de Traballo.