Amplísimo seguimento na segunda xornada de folga no Concello de Lugo

Este mércores día 19 o persoal mobilizarase na casa consistorial
Lugo - 18 Dec 2018

A segunda xornada de folga no Concello de Lugo para esixir a retirada da nova Relación de Postos de Traballo está rexistrando un amplísimo seguimento, a pesar dos "servizos máximos" impostos polo Goberno municipal, especialmente elevados nas áreas de Economía e Persoal. Dende a representación sindical da CIG no Concello valoran de xeito moi positivo a participación na folga que comezou este luns e que se prolongará até o venres, 22 de decembro.

Para dar maior visibilidade ao conflito, na xornada de onte o persoal acudiu masivamente ao rexistro para meter escritos interesándose polas condicións nas que quedará a súa praza na nova RPT. Ademais, para mañá, mércores, coincidindo coa celebración da Xunta de Goberno, está prevista unha nova mobilización diante do Concello, que se repetirá o venres 22.
Fernando Fernández, delegado da CIG, lamentou a "neglixente xestión" do Goberno local en materia de persoal, pois a pesar do éxito do paro (convocado pola CIG, AFI-USO e Ágora) "non estableceron ningún contacto co comité de folga en busca dunha solución" e lembrou que "hai máis de dous anos que non nos reciben".

Afóndase na desigualdade salarial

Sobre a RPT, Fernández reiterou que na súa redacción actual resulta inxusta, afonda nas desigualdades salariais, non corrixe as eivas organizativas pola falta de persoal "e non resolve ningunha das problemáticas que actualmente temos enriba da mesa, como a banda de música, a funcionarización ou a subida de niveis discrecional". Hoxe mesmo recolleuse o documento final para a súa avaliación, aínda que xa adiantou que van recorrer a nova relación de postos de traballo.

No aspecto económico, o representante sindical subliña que se afondará nas desigualdades salariais que se están a dar entre persoal do mesmo grupo, xa que as diferenzas dos incrementos no complemento específico chegan nalgúns casos a superar os 400 euros. Ademais, desaparece o complemento de produtividade polo que algúns traballadores e traballadores mesmo poderían ver rebaixadas as súas retribucións.

Por estas razóns, CIG, AFI-USO e Ágora volveron pedir a retirada da RPT na súa redacción actual e a apertura dun novo período de negociación "no que se conte coa presenza de todos os sindicatos con representación".