Amplo seguimento na segunda xornada de folga no siderometal ourensán para reclamar un convenio digno

O paro convocado pola CIG-Industria afecta maioritariamente ao sector da automoción e de xeito máis desigual a outros

Vigo -

O segundo día de folga convocada pola CIG-Industria no siderometal de Ourense para reclamar un convenio colectivo digno tivo un amplo seguimento en toda a provincia dende primeira hora da mañá, especialmente no sector da automoción, coas principais empresas e concesionarios practicamente sen actividade. No resto de sectores, os piquetes informativos constataron unha incidencia máis desigual dun paro que novamente está a ser boicoteada por CCOO, UGT e a patronal. Ao igual que na primeira xornada, os traballadores/as marcharon en manifestación até a Confederación de Empresarios.

(Galería de imaxes)

Ao igual que na primeira xornada de folga, nesta ocasión un numeroso piquete integrado por máis dun cento de traballadores/as concentrouse ás 6.00 horas ás portas da casa sindical para iniciar o seu percorrido polos polígonos industriais.

A primeira parada foi o de Pereiro de Aguiar, onde moitas empresas están sen actividade. A continuación, e sempre seguidos por un importante dispositivo da Garda Civil, os piquetes trasladáronse ao Parque Tecnolóxico, onde moitos/as non puideron acceder xa que llelo impediu a seguridade privada.

Dende o inicio da folga están a constatar un seguimento máis amplo no sector da automoción (con concesionarios como Rocal ou Rodríguez López pechados), mentres que noutros a incidencia do paro está a ser máis desigual. Con todo, moitos traballadores/as que nun principio se dirixen ao seu posto de traballo optan finalmente por sumarse ao piquete.

Do mesmo xeito que no primeiro día de paro, tanto os sindicatos CCOO e UGT como a patronal están exercer presión sobre os operarios/as para intentar boicotear a xornada de mobilización convocada pola CIG-Industria co obxectivo de reclamar un convenio colectivo digno e rexeitar a pretensión dos empresarios/as de estender a xornada laboral á fin de semana.

Tamén ao igual que na primeira xornada, ao mediodía tivo lugar unha concorrida manifestación que partiu da casa sindical ás 12.30 horas e pasou pola sede da Confederación de Empresarios de Ourense, que estivo custodiada por un amplo dispositivo policial.

Nova convocatoria de folga

Ante o éxito destas dúas xornadas de folga no sector, dende a CIG-Industria non descartan a convocatoria dun novo día de paro, tal e como asegurou o secretario comarcal da federación, Indalecio Gómez, durante a asemblea previa ao inicio da manifestación até a sede da CEO.

Ademais, o responsábel sindical adiantou que a central vaise poñer en contacto coa patronal para solicitarlle a convocatoria da comisión negociadora do convenio co obxectivo de que se retire a proposta de estender a xornada laboral ás fins de semana. Nesta liña, tamén se dirixirán a CCOO e UGT para que cambien de postura e se sumen ás mobilizacións.

Finalmente, dende a CIG amosan a súa satisfacción polo seguimento que está a ter esta nova xornada de folga, especialmente no sector da automoción, coas principais empresas -como Gestamp- case sen actividade. Nesta compañía a quenda de noite secundou a folga ao 100% no departamento de pintura e granalla, mentres que no resto da fábrica o seguimento foi menor. Na quenda de mañá o seguimento foi practicamente total en toda a empresa.

A xornada desenvólvese dende primeira hora baixo un forte dispositivo da Garda Civil a pesar de que non se rexistran incidentes. A única nota discordante produciuse no concesionario Garza, da Mercedes, onde se prohibiu a entrada dos piquetes a informar aos traballadores/as dos motivos da folga. Finalmente, e tras uns minutos de negociación coa presenza de numerosos axentes do corpo militar, dúas persoas puideron acceder ao interior das instalacións para falar cos empregados/as.

Volver