• 2016 06 29 SegundaXornadaFolgaSiderometalOurense23.jpg
  • 2016-10-26-Ourense-Apersa.JPG
  • apersa1.grande.jpg
  • 2016 06 22 PrimeiraXornadaFolgaSiderometalOurense38.jpg
  • apersa2.grande.jpg

Apersa-Pérez Rumbao despide en represalia dous afiliados da CIG

O líder dos concesionarios galegos criminaliza a actitude reivindicativa

Ourense -

O concesionario Apersa, que comercializa as marcas Audi e Volkswagen en Ourense, vén de despedir dous afiliados da CIG con máis de 15 anos de antigüidade en represalia pola súa actitude reivindicativa. A medida exemplarizante da empresa, que fai parte do Grupo Pérez Rumbao, ten lugar no marco das reivindicacións por un convenio xusto no siderometal ourensán, que supuxeron dúas xornadas de folga o pasado mes de xuño.

 “Son traballadores exemplares, e así son considerados polos restantes compañeiros do concesionario”, explicaron en rolda de prensa representantes da CIG-Industria, que contextualizan os despedimentos na loita que se libra desde hai meses en prol dun convenio digno no sidero-metal ourensán.

Indican que, neste sentido, os dous afiliados “negáronse a realizar horas extra”, tal e como pretendía a empresa, alén de rexeitar traballaren en fin de semana, que é un dos principais cabalos de batalla da patronal para o novo convenio pero conculca o establecido no actual. Unha pretensión que, de feito, motivou as dúas exitosas xornadas de folga dos pasados 22 e 29 de xuño, convocada en solitario pola CIG, e que de momento logrou deter a sinatura por parte dos sindicatos estatais.

Agora, estes dous traballadores foron despedidos co subterfuxio de medidas disciplinarias que, no entanto, "encobren as causas reais”.

Un “xigante” que persigue á CIG

Desde a CIG-Industria aseguran que “non é a primeira vez que isto sucede”, e que no pasado xa se produciron despedimentos de afiliados da central na mesma empresa. Por iso, a federación vai levar a cabo unha campaña para esixir a readmisión destes dous compañeiros e “evitar que volte a suceder no futuro”.

Grupo Pérez Rumbao, líder da compra-venda de automóbiles en Galiza, con máis de trinta establecementos e representación de quince marcas, “leva a voz cantante” da patronal nas mesas de negociación para o convenio do sidero-metal de Ourense.

A pesar da crise, a súa facturación logrou 200 millóns de euros e a prensa económica louva os inxentes beneficios empresariais, que a sitúan na elite que se reparte o país. O seu presidente de honra, Emilio Pérez Nieto, dirixe tamén a Asociación Galega da Empresa Familiar, que funciona como lobby das principais dinastías da burguesía galega, algunhas mesmo centenarias.

Este “magnate” sostén nas súas intervencións públicas que “os empresarios galegos son uns superviventes” e que é preciso “revisar os códigos éticos actuais” para “saír da crise”. Unha crise que, precisamente, está a provocar o incremento exponencial de fortunas como a del a custa da suor da clase traballadora. Esta é a “ética” defendida pola súa clase social: a da persecución dos sindicatos obreiros.

Volver