Arredor de 4.000 alumnos e alumnas participan na 16ª edición do Correlingua na Coruña

Percorreron o Paseo Marítimo dende a zona de Riazor até a Torre de Hércules baixo o lema “O galego está en nós”

A Coruña -

Milleiros de rapazas e rapaces dos centros de ensino da comarca da Coruña, Bergantiños e da Costa da Morte participaron este martes na 16ª edición do Correlingua na Coruña, que nesta edición se desenvolve baixo o lema “O galego está en nós”.

Dende o Pavillón de Riazor até a explanada da Torre de Hércules, e ante a mirada sorprendida dos/as peóns, foron animando o percorrido cos seus cantos, o son das pandeiretas, gaitas, tambores e chifres e mesmo formaron un grande “o galego está en nós” con letras de cartón, en plena praia de Riazor.

Ao remate do percorrido celebrouse unha animada festa, conducida por un sempre entusiasta Xurxo Souto, e que contou coa actuación de Xenderal e de Zënzar, un dos grupos gañadores do Cantalingua -o concurso no que o propio alumnado é o encargado de seleccionar os grupos que actuarán nas festas do Correlingua-.

As cancións rockeiras de Zënzar, xunto cos ritmos rap e reggae de Xenderal, fixeron bailar a toda a rapazada congregada na explanada da Torre, nunha fin de festa acompañada polo bo tempo. 

Nesta 16ª edición do Correlingua tamén tivo lugar un concurso de animación, a través do cal as rapazas e rapaces da comarca amosaron a súa visión sobre a situación lingüística, ao mesmo tempo que deron colorido e alegría as rúas polas que pasaron por falar a nosa lingua.

O Correlingua é a carreira pola lingua na que participa alumnado de todos os ciclos educativos. A iniciativa está organizada pola CIG-Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a Mesa pola Normalización Lingüística, coa colaboración dos Concellos de Pontevedra, Vigo, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela e A Coruña xunto coa Deputación de Lugo, A Coruña e a de Pontevedra, entre outros.

Podes ver máis fotografías do Correlingua da Coruña no facebook da CIG.

Volver