Comeza a folga indefinida en Valoriza Auga cun seguimento do 100%

Na xornada de mañá, martes, teñen previsto realizar un reparto informativo no Obelisco
A Coruña - 19 Nov 2018

Este luns comezou a folga indefinida dos traballadores de Valoriza Auga cun seguimento do 100%. Os traballadores concentráronse dende as 08:00 horas da mañá diante das instalacións da empresa no Polígono da Grela, de onde só saíu un camión nomeado en servizos mínimos. Posteriormente, o persoal trasladou a protesta até as portas de EMALCSA, na Casa da Auga, onde permaneceu concentrado até ás 12:30 horas.

O secretario comarcal da CIG da Coruña, Xabier Filgueira, lembrou que a decisión de convocar a folga indefinida produciuse tras a falta de avances na negociación do convenio colectivo, caducado dende o ano 2010. "Os traballadores levan oito anos coas condicións laborais e os salarios conxelados e dende que retomamos as negociacións en 2015 non foi posíbel un acordo pola postura inflexíbel da empresa", asevera.

A pasada semana produciuse a última reunión coa dirección de Valoriza Auga (tras varios meses sen contactos), mais a empresa volveu presentar unha oferta insuficiente "que non permite recuperar o poder adquisitivo perdido nos últimos oitos anos nin mellorar as condicións daquela categorías que están por debaixo dos mil euros mensuais". Así, subliña Filgueira, a empresa moveu minimamente a súa proposta económica no relativo á suba salarial, pero negouse a entrar a valorar as reivindicacións sobre o incremento do prezo da hora extraordinaria, da xornada laboral en festividades sinaladas e do plus de limpeza de depósitos, ou do establecemento dun complemento de retén e de cualificación profesional.

A pesar do seguimento da folga, de momento non está previsto ningún calendario de xuntanzas coa empresa. Neste senso, o secretario da CIG da Coruña reiterou a plena disposición da parte social a sentar a negociar para tentar chegar a un acordo, "sempre que se garantan os dereitos dos traballadores".

Intervención de EMALCSA e do Concello

Coa de hoxe, os traballadores de Valoriza Auga suman sete xornadas de folga en demanda dun convenio digno: un día de folga de 24 horas en setembro e outras cinco xornadas de paros parciais de tres horas por quenda no mes de outubro. Á vista da falta de avances significativos, Filgueira reiterou o chamamento á EMALCSA e ao Concello da Coruña para que interveñan, "porque o conflito non ten visos de solucionarse nun prazo de tempo curto".

A este respecto advertiu que, aínda que a labor que realizan os traballadores de Valoriza Auga non ten gran visibilización social, como podería ser o caso dunha folga na recollida de lixo, "se comezan as choivas fortes e continúa a folga, o servizo pode verse moi afectado, con desbordes e atrancos na rede de sumidoiros".

Reparto de follas informativas no Obelisco

Na xornada de mañá, martes 20 de novembro, ademais do piquete de primeira na nave da empresa, os traballadores van realizar un reparto de follas no Obelisco para explicarlle á veciñanza da Coruña as razóns da folga e en que punto se atopa o conflito. O reparto comezará a partir das 11:00 horas.