Arxentina: O FMI é parte do poder que subordina a Arxentina á dominación e á dependencia

Julio C. Gambina - 29 Mai 2018

Co acceso ao goberno de Macri, vía consenso electoral, pensouse en que estaban dadas as condicións ideais para lograr o control social, a contención do conflito e a subordinación da sociedade ao obxectivo de sustentación da orde do capital, que subordina o todo á lóxica da maximización da ganancia

 O 25 de maio é día de festa e de loita na Arxentina. É festa porque se recupera a revolución anticolonial de 1810, os seus obxectivos e reivindicacións, as que continúan en pé, polo que tamén é día de loita contra a submisión contemporánea á dominación que exercen corporacións trasnacionais asociadas a poderosos grupos locais.

 A dominación española foi combatida en 1810, como o foi antes, en 1806/07 a invasión inglesa. A dominación británica primeiro e despois estadounidense constitúe a esencia do rumbo civilizatorio asumido polas clases dominantes na Arxentina tras a xesta revolucionaria de maio.

 Arxentina construíuse como país capitalista baixo a dominación colonial e imperialista, polo que o desafío contemporáneo asume a tripla confrontación como anticapitalista, anticolonial e antiimperialista, baixo as novas condicións de loita contra o racismo, a discriminación, a destrución da natureza e o patriarcalismo.

 Ese programa que enunciamos vén sendo construído en múltiples experiencias de organización popular a través do tempo, cun momento de máxima acumulación de poder popular contra 1973. Como consecuencia diso, a consigna que condensou a situación foi “liberación ou dependencia”, coincidente coa situación mundial e experiencia de loitas e procesos populares construídos entre fins dos sesenta e comezos dos setenta. Remito ao maio francés, o cordobazo/rosariazo, o levantamento estudantil mexicano, as loitas dos traballadores italianos ou a primavera de Praga, até chegar ao triunfo de Vietnam sobre EUA. Toda unha época de acumulación de poder popular no ámbito mundial.

 Parecía que aquel 25 de maio de 1973 arxentino expresaba as tradicións soberanas de loita e podía materializarse o ansiado proxecto independentista. Era un momento nacional en correspondencia cun clima de época global, con especificidades máis que interesantes en Nuestramérica, co despregamento do proxecto socialista cubano e a nova experiencia socialista por vía electoral en Chile.

 A loita social, política e cultural de época era a condición de posibilidade para a realización de variados proxectos, tal como imaxinamos os protagonistas da Universidade para a Liberación que construïamos en 1973/74. Asumíase o legado da Reforma de 1918 e potenciábase cunha perspectiva emancipadora. É algo que lembramos estes días en Villa Mercedes, San Luis, co gallo dunha xornada que recuperaba os debates polo centenario da Reforma de 1918 e que organizara o Centro de Pensamento Crítico Pedro Paz[1]. Tamén se manifestou ese clima de época na lexislación laboral de 1974, como expresión xurídica dos dereitos das traballadoras e os traballadores.

Ofensiva do capital e papel do FMI

 Nesas condicións, a resposta en Arxentina e no mundo foi a ofensiva do capital que en termos ideolóxicos se coñece como o tempo “neoliberal”, co monetarismo ortodoxo e reaccionario como bandeira de vangarda en materia de política económica e a represión e o terrorismo de Estado como mecanismo para disciplinar a dinámica do conflito e a organización social para a transformación.

 A ofensiva do capital contra a acumulación popular de poder iníciase en 1975/76 (goberno constitucional primeiro e ditadura xenocida despois), con importantes avances que despregan o proxecto aperturista vía endebedamento externo, de promoción da iniciativa privada e desregulación estatal con privatizacións nos 90 (menemismo e Alianza) e que na actualidade pretenden definir a súa consolidación.

 Nese traxecto existiron resistencias diversas e intentos de construír rumbos alternativos, polo cal a ofensiva do capital non constitúe un camiño chan e sen atrancos.

 Co acceso ao goberno de Macri, vía consenso electoral, pensouse en que estaban dadas as condicións ideais para lograr o control social, a contención do conflito e a subordinación da sociedade ao obxectivo de sustentación da orde do capital, que subordina o todo á lóxica da maximización da ganancia.

 Baixo esas condicións instalouse a axenda contra os dereitos laborais e sociais e mesmo os da natureza, aínda que non sexan estes recoñecidos pola tradición local, tal como ocorre co novo constitucionalismo rexional, casos de Bolivia e Ecuador.

 O programa do goberno Macri apostou polos investimentos externos para a súa materialización e mentres estas chegaban ao endebedamento público externo.

 A realidade mundial e local imposibilita a choiva de investimentos e resulta insostíbel a magnitude do recente endebedamento externo, por iso a necesidade de ampliar os mecanismos de débeda local.

 Hai límites obxectivos para o despregamento do programa “macrista” e por iso acódese ao FMI, para asociar ao organismo internacional como fonte de presión para o axuste e a reestruturación regresiva do réxime de xubilacións e laboral.

 Un tema relevante resulta da continuidade do conflito social que disputa cotidianamente o consenso da sociedade sobre o presente e o futuro da Arxentina.

 A resposta represiva conta con certo apoio social e iso sostén a vontade gobernamental para despexar as rúas da protesta derivada das novas condicións económicas sufridas nos ingresos deteriorados polo tarifazo e a inflación, coa perspectiva de maior axuste no gasto público social.

 É posíbel sustentar outra política?

 A loita masiva contra a ditadura arrincou o novo tempo constitucional a fins de 1983, do mesmo xeito que as protestas e a acumulación xestada entre 1998-2001 xeraron as condicións para construír xunto a outros procesos na rexión unha posibilidade de desenvolvemento e integración con pretensión alternativa.

 É a sociedade e a súa loita a que xera as condicións de posibilidade para o cambio de rumbo.

 Por iso, despois do triunfo electoral de media quenda en outubro do 2017 creuse desde o goberno que había aval para os seus proxectos reaccionarios de reforma de pensións e laboral.

 As loitas de decembro pasado acoutaron a reforma de pensións a unha quitación de ingresos por modificacións na fórmula de actualización de ingresos previsionais e frearon os cambios na lexislación laboral. A mobilización e organización popular fixéronse visíbeis o 21F e agora na conmemoración do 25 de Maio baixo a consigna “A patria está en perigo” fronte á negociación do goberno co FMI.

 Ante a agudización dunha ofensiva polo axuste, xa expresada nunha inflación que se proxecta máis alta que a do 2017 e coa depreciación que supón unha forte transferencia de ingresos cara aos sectores máis concentrados da economía, acódese ao FMI para incrementar a chantaxe sobre a poboación.

 O recordo do papel do FMI non é bo e asóciase á perda de soberanía, polo que a recuperación do 25 de maio recrea a discusión sobre as posibilidades dun rumbo de autonomía e, nese sentido, o primeiro que é de salientar é o rexeitamento ás negociacións co organismo internacional.

 Claro que logo vén o interrogante sobre o que facer e xa se impón o discutir medidas de urxencia e de fondo.

 Entre as primeiras, as de urxencia, supón discutir os desequilibrios macroeconómicos en función de modificar a ecuación de beneficiarios e prexudicados. Entre as segundas, as de fondo, requírese discutir o modelo produtivo e de desenvolvemento.

 A urxencia induce a combater o déficit fiscal e externo para recuperar capacidade soberana de decisión sobre o presente e o futuro con soberanía.

 Supón iso discutir máis que o gasto, os ingresos fiscais, nun país onde as ganancias elevadas dun pequeno sector da economía explican o consumo suntuario que consolida o déficit de turismo e a fuga de capitais.

 As retencións ás exportacións suscitan neste sentido novos debates, do mesmo xeito que o imposto á renda financeira e aos bens persoais e as ganancias. Non pode ser o IVE a principal fonte de recaudación estatal, que afecta proporcionalmente en maior medida aos sectores de menores ingresos.

 Ao lado do gasto mantense a antiga demanda de investigar a débeda pública, externa e interna, e mentres suspender os pagamentos, máis aínda coa inusitada suba da débeda asumida polo goberno nestes dous primeiros anos de xestión.

 No fondo, o que sostemos é a ampliación do consenso contra o axuste, contra o FMI e con iso crear as condicións para outras medidas de política económica que revirtan a ecuación de beneficiarios e prexudicados na conxuntura, e desde alí xerar un debate sobre as cuestións substanciais relativas ao modelo produtivo e de desenvolvemento, un tema ausente ante o drama da cotidianeidade.

 

[Artigo tirado do sitio web Alainet, do 27 de maio de 2018]