As 107 baixas voluntarias comunicadas por Extel confirman que o ERE non ten causa

A CIG reitera que non sobra nin unha soa traballadora ou traballador na plataforma da Coruña

A Coruña -

Este venres, Extel comunicou ao Comité que vai proceder ao despedimento de 239 traballadoras e traballadores en todo o Estado, das/os que 107 pertencen á plataforma da Coruña. En calquera caso, estamos ante unha intolerábel destrución de postos de traballo, cunha voluntariedade acompañada en moitos casos de coaccións por parte da dirección da empresa.

O feito de que finalmente todas as baixas sexan voluntarias confirma o que a representación social vén denunciando dende o inicio do proceso: que non existe causa para este ERE. Este cambio da empresa só foi posíbel pola intensísima campaña de mobilizacións levada a cabo polas traballadoras e traballadores (paros, folgas, manifestacións e mesmo a recollida de 12.000 sinaturas contra do ERE e a deslocalización de Telefónica).

Non obstante, a CIG está convencida que non era necesario ningún despedimento en Extel, nin voluntario nin forzoso. De feito, todo este proceso veu demostrar que na plataforma da Coruña non sobra ningunha traballadora ou traballador, senón que é necesario contratar máis persoal. Como exemplo, lembrar que só no mes de xullo deste ano se deixaron de atender 250.000 chamadas, mentres que a redución do servizo que propón Telefónica é de 148.000 chamadas.

Ao amparo da reforma laboral

Neste senso, a CIG denuncia que a reforma laboral do PP permite que se executen despedimentos masivos como o de Extel, decididos unilateralmente pola empresa, recorrendo a un expediente de extinción para o que non hai causas e que está viciado de nulidade. É tamén esa reforma laboral a que facilita que estas empresas poidan chegar a acordos cos traballadores e traballadoras, que non deberían perder o seu emprego. 

Sobre as saídas voluntarias, incidir no cambio de postura da empresa que, unha vez rematado o período de consultas, acepta que o 100% das adhesións sexan voluntarias e procedentes de calquera plataforma, cando durante as negociacións defendeu que a maior parte dos despedimentos foran na Coruña. A Sección Sindical da CIG entende que este cambio se debe á inexistencia de xustificación para ERE e ao temor da empresa a que os despedimentos foran anulados por vía xudicial.

A Xunta, desparecida

Por outra banda, engaden, "non se pode deixar de chamar a atención sobre a actuación das grandes corporacións como Telefónica ou o Grupo Banco Popular, que se están a rir das administracións públicas, nomeadamente da Xunta de Galiza, que ante a vaga de despedimentos que asolaga Galiza permanece desaparecida e muda".

Dende a Sección Sindical da CIG en Extel "reiteramos que non sobra ningunha compañeira nin compañeiro e chamamos ao conxunto da clase traballadora a continuar na loita para derrubar unha reforma laboral que permite a estas empresas piratas xogar cos nosos empregos e precarizar as nosas condicións de traballo".

Volver