As asembleas de delegados/as apostan por acumular forzas e camiñar cara a unha folga xeral

A CIG intensificará as mobilizacións para frear e reverter as políticas do Partido Popular
Nacional - 11 Abr 2018

É o momento de acumular forzas, de intensificar a mobilización e camiñar cara a convocatoria dunha folga xeral que obrigue ao PP a retroceder nas súas posicións antisociais e antiobreiras. Así o valoraron as centos de delegadas e delegados que participaron nos debates que se deron este mércores, e na mañá do martes, nas asembleas convocadas pola CIG en todas as comarcas de Galiza. Asembleas nas que se analizou a situación de empobrecemento e deterioro dos salarios, a cada vez maior precarización ou a crítica situación na que se atopa o sistema público de pensións.

Un debate que se levará, desde xa, ás empresas e centros de traballo para que as traballadoras e traballadores galegos poidan avaliar tamén a necesidade de resistir e loitar pola recuperación dos dereitos arrebatados, de frear o deterioro das pensións e de impedir a próxima reforma que xa se está a preparar no Pacto de Toledo.

Nese camiño, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que participou na asemblea de delegados e delegadas de Pontevedra, chamou a participar nas 25 mobilizacións convocadas en cidades e vilas do país para o vindeiro día 15, en defensa das pensións públicas e pola recuperación de dereitos, mais tamén nas previstas para o Primeiro de Maio.

Mobilizacións que se insiren nesa campaña de intensificación e acumulación de forzas “para irmos camiño dunha folga xeral, porque entendemos que é o que se precisa neste intre para frear todas as políticas que o PP estivo levando adiante estes anos”. Políticas que deron na “situación de emerxencia social e nacional” que vivimos e que obriga a adoptar medidas “ante o retroceso acelerado das condicións de vida e dos dereitos laborais e sociais”.

Dar un paso á fronte

Carril chamou a dar un paso á fronte “para demostrar a nosa vontade de recuperar os dereitos laborais e sociais”, mais tamén como demostración de que “estamos dispostos a resistir e a loitar porque non se consolide esta situación que estamos a vivir de recorte de dereitos, de liberdades e dun empobrecemento xeneralizado tan grave como o que está pasando”.

Subliñou que no debate interno que se está a dar na CIG, nas asembleas de delegados/as e nos centros de traballo onde se puxo en marcha “cando falamos de folga xeral, falamos de facer unha reflexión sobre o que está a suceder en Galiza e no conxunto do Estado” e da necesidade de “dar un salto” diante do que cualificou como “incapacidade” por parte de quen debera de estar procurando unha alternativa.

Neste sentido denunciou que hoxe “hai unha escravización das condicións de traballo froito das reformas ás que só pode dar resposta cunha folga xeral” que entendeu “obrigada desde o sindicalismo ante esta dura situación que estamos a vivir”; cun goberno do PP en Galiza, con Feixó a fronte, “máis preocupado por buscar o relevo de Raxoi en Madrid que de tomar a iniciativa para poder garantir que nos aproveitemos dos nosos recursos, que poidamos vivir e traballar dignamente na nosa terra” e cun PP gobernando en Madrid en minoría.

Por iso asegurou que “nos escandaliza que as forzas políticas teoricamente da esquerda sexan incapaces de articular ningún tipo de alternativa que deixe sen efecto as súas políticas, tan nocivas para a clase traballadora”. Unha situación que considerou aínda “máis escandalosa”, porque estamos a falar dun goberno “cheo de corrupción e de podredume que acode á represión e a criminalización como alternativa”.

A este respecto afirmou que “vemos con espanto como efectivamente esas forzas políticas teóricas da esquerda española son incapaces de, nin sequera, presentar unha moción de censura ou de dar unha alternativa para frear esta situación da que estamos a falar, tan dura do punto de vista dos dereitos sociais e laborais mais tamén, tan dura do punto de vista da intensificación da represión que o PP está a facer coa lei mordaza e coa aplicación da mesma, coa reforma do Código Penal ou coa utilización do aparello xudicial e do aparello legal para criminalizar a quen non está de acordo”.

Así denunciou como o goberno do PP “indulta a condenados por corrupción, pero Carlos e Serafín, dous traballadores do transporte da comarca de Vigo, seguen neste momento agardado a que haxa un indulto, simplemente por defender os seus dereitos”.

Defensa do sistema público de pensións

É por este difícil panorama polo que a CIG entende imprescindíbel intensificar as mobilizacións. Para “dar unha resposta que deixe sen efecto unha grave situación de empobrecemento xeral que estamos a vivir, con novas formas de explotación laboral, cunha individualización das relacións laborais e con ataques constantes que estamos a ver na negociación colectiva”.

En todo caso, Carril lembrou a intensa campaña desenvolvida pola CIG ao longo do ano 2017 pola recuperación dos dereitos laborais e sociais. Unha campaña que ten continuidade este ano, no que xa viviron potentes mobilizacións como as protagonizadas o 8 de marzo polas mulleres traballadoras galegas; a loita que sosteñen desde hai máis de dous meses as traballadoras e traballadores de Xustiza; as folgas previstas no sector de ambulancias ou aquelas consecuencia da negociación colectiva. Todas elas “exemplos de dignidade” contra a crise e contra os efectos das políticas do PP: reformas laborais, reformas da negociación colectiva ou das pensións.

O secretario xeral da CIG subliñou entre estas loitas as protagonizadas polo colectivo de xubilados/as e pensionistas en defensa do sistema pública de pensións. A este respecto lembrou que a reforma de 2011 -contra da que a CIG convocou unha folga xeral en solitario- e a de 2013 supuxeron, entre outros retrocesos, a desvinculación do IPC na revalorización das pensións, a introdución do factor sostibilidade, a ampliación dos anos para o cálculo da base reguladora, ou a extensión da  idade de xubilación aos 67 anos.

Xunto a isto alertou das súas evidentes consecuencias: dificultade para acceder a unhas prestacións dignas; caída xeneralizada da contía das mesmas e cuestionamento da viabilidade do sistema público co obxectivo de deteriorar as pensións públicas para favorecer o negocio dos sistemas privados de pensións. “Temos unhas pensións en Galiza que non garanten o poder adquisitivo, porque están por debaixo da media do Estado. O 65% dos/as pensionistas galegos/as non teñen complemento de mínimos”, afirmou. Por iso incidiu “na necesidade de mobilizarnos para dar unha resposta ao que entendemos que é un insulto. Non podemos consentir que o goberno do PP, nos orzamentos de 2018, contemple unha serie de cuestións respecto das pensións que non resolven o problema”.