As asembleas de persoal ratifican por amplísima maioría o preacordo para o convenio de ambulancias

Nacional - 19 Xul 2023

As asembleas de traballadores e traballadoras do transporte sanitario celebradas esta mañá por todo o país ratificaron de xeito maioritario (arredor do 90%) o preacordo para o convenio colectivo alcanzado no día de onte. Tras este apoio, as xornadas de folga previstas para  mañá, xoves 20, e o venres 21 de xullo fican desconvocadas. A FGAMT-CIG destaca que chegar a este entendemento só foi posíbel grazas a unidade, a forza e a determinación amosada polo conxunto do persoal, tanto nas mobilizacións como nas dúas xornadas de paro xeral que rexistraron un seguimento masivo.

Precisamente, foi a loita obreira a que rachou co inmobilismo da patronal, que se negaba xa non só a asumir as reivindicacións do sector, senón mesmo a valorar as propostas trasladas pola parte social. O responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, subliña que o preacordo alcanzado supón un avance importe en materia salarial, ao garantir a recuperación e o mantemento do poder adquisitivo, mais tamén mellora as condicións laborais ao ampliar as coberturas das baixas ou reducir a xornada de traballo anual.

A nivel económico, recóllense incrementos salariais para os tres anos do convenio do 5% para 2023, 4% para 2024 e 4,5% para 2025. Ademais, a final de convenio farase unha revisión ao IPC, sumando as diferenzas dos tres anos máis 2 puntos, que se incorporarán a táboas do seguinte exercicio.

As subas salariais abonaranse en abril de 2024, coincidindo coas licitacións dos novos contratos. Nesa nómina, apunta Pastoriza, aplicaranse os incrementos e o persoal cobrará arredor de 1700 euros de atrasos (uns 1200€ correspondentes a 2023 e máis de 400€ polos meses transcorridos de 2024).

Pero os incrementos serán superiores xa que se conseguiu aumentar a práctica totalidade dos complementos. Deste xeito, a antigüidade sube do 23% ao 25% no ano 2025; e a nocturnidade do pasará do 20% ao 23% o próximo ano e ao 25% no 2025. O plus de transporte, que está no 8% do salario base para todo o persoal, manterase nesa contía para quen traballe 8 días ao mes, pero aumentará até o 10% para quen traballe entre 9 e 16 días ao mes, e para quen traballe máis desas xornadas será do 12%.

Tamén haberá unha suba lineal das dietas a 14€ para todo o convenio; os domingos e festivos incrementaranse a 18€, os festivos especiais a 48€ e o denominado dispositivo de localización tamén subirá a 48€.

En canto aos complementos por IT, as baixas comúns permanecen como estaban agás nos casos derivados dunha situación de embarazo ou enfermidade grave, nos que se cobrará o 100% dende o primeiro día. Nas continxencias profesionais percibirase o 90% até os 180 días e a partir de aí o 100%. Contar con esta cobertura era unha das demandas destacadas do sector xa que a maioría das baixas que se veñen producindo están relacionadas con doenzas músculo-esqueléticas derivadas da realización do propio servizo, "o que tamén implica un recoñecemento do manifestado pola parte sindical sobre estas enfermidades de carácter profesional".

Outra das reivindicacións nesta negociación referíase á redución da xornada laboral anual e aínda que non se alcanzou todo o que se pedía conseguiuse rebaixar 8 horas para 2024 e 16 horas para 2025. Ademais, aquelas persoas que traballen de noite verán reducida a súa xornada laboral outras 24 horas en 2025. "É menos do que demandábamos pero abrimos o camiño para seguir avanzando nunha materia que a patronal se negaba a tocar", destaca Pastoriza.

Así mesmo, lográronse tamén outras melloras como equiparar a suspensión do contrato por lactación á suspensión do contrato por embarazo ou nas excedencias voluntarias.

A FGAMT-CIG pon en valor a importancia da mobilización para avanzar nos dereitos e mellorar as condicións de traballo, pois sen a loita desenvolvida nos últimos meses polo conxunto dos traballadores e das traballadoras non sería posíbel chegar a este preacordo.