As asembleas do persoal de Ferroatlántica acordan mobilizarse contra a posíbel venda das centrais hidroeléctricas

O venres 21 de outubro, ás 13:30 horas, haberá unha concentración diante da fábrica que o Grupo Villar Mir ten en Brens (Cee)
- 18 Out 2016
O comité de Ferroatlántica celebrou hoxe asembleas nos diferentes centros de traballo que a empresa ten na comarca da Costa da Morte (fábricas de Cee e Dumbría e as centrais hidroeléctricas) nas que se transmitiu a preocupación pola intención que o Grupo Villar Mir  ten de vender as plantas de xeración de enerxía. Como primeira medida, o persoal acordou realizar unha concentración o venres 21 de outubro, ás 13:30 horas, na fábrica de Brens.

Nas asembleas informouse das reunións e accións que o comité de empresa está levando a cabo con distintos grupos parlamentarios e as peticións de reunións realizadas tanto ao Presidente da Xunta como aos Concellos máis afectados por esta posíbel venda -Cee e Dumbría-, solicitando que se posicionen "e esixan á empresa que cumpra a legalidade e desista nas súas pretensións".

Neste senso, lembran que as actividades de enerxía eléctrica e de ferroaleacións forman unha unidade produtiva única, cuxa vinculación está  obrigada pola Xunta de Galiza  e ratificada por sentenzas xudiciais do TSXG e o TS.

Xunto a isto, o Comité ten solicitado ao Presidente de Ferroatlántica que se desprace a Cee a dar explicacións "no seo do pleno do comité e non no comité europeo, como pretende", nunha manobra para tentar desvincular o problema da comarca as repercusión negativas que tería tanto social como economicamente.

Diante da inquedanza xerada, no marco das asembleas celebradas este martes acordouse a convocatoria dunha primeira concentración o próximo venres para amosar o absoluto rexeitamento á intención de venda. Porén, dende o Comité advirten que estudan un novo calendario de mobilizacións "polo menos até que a empresa reciba ao comité ou a Xunta desautorice a venta".

Ditas mobilizacións decidiranse na reunión que o venres  que vai manter o comité con representantes das tres organizacións sindicais con representación CIG, UGT, CCOO.