As centrais chaman a participar na manifestación convocada en Vigo a prol do indulto a Carlos e Serafín

A marcha arrincará dende Vía Norte este xoves 22 ás 18:30 horas

Vigo -

Os secretarios/a comarcais da CIG, CCOO e UGT de Vigo compareceron hoxe en rolda de prensa para facer un chamamento ao conxunto da cidadanía a participar na manifestación convocada este xoves 22 para reclamarlle ao Goberno español que lle conceda o indulto a Carlos Rivas e Serafín Rodríguez, os dous traballadores condenados a tres anos de prisión por participar nun piquete da folga provincial do transporte en 2008. A marcha arrincará de Vía Norte ás 18:30 horas e rematará a carón do farol de Urzaiz.

Durante a rolda de prensa celebrada esta mañá en Vigo o secretario comarcal da CIG, Alberto Gonçalves, lembrou o “calvario xudicial” que están a padecer os dous afectados dende que hai xa máis de catro anos foron condenados a tres anos de cadea “sen que existise denuncia contra eles nin se constatasen danos materiais nin persoais”. Dende entón permanecen á espera de que o Consello de Ministros/as decida sobre a segunda petición de indulto, que evitaría a súa entrada en prisión, unha vez que lles foi denegada a primeira solicitude.

Gonçalves fixo fincapé no “clamor social” que existe a prol da medida de graza para estes dous traballadores, que se evidenciou tanto nas concentracións de apoio que se celebran cada mes como nas concorridas manifestacións que se teñen celebrado con anterioridade. Ademais aludiu ao consenso entre as distintas forzas políticas, que levou a que se aprobasen mocións tanto no Concello e Vigo como na Deputación de Pontevedra e no propio Parlamento galego en apoio dos afectados.

O secretario comarcal da CIG considera que “xa é suficiente condena deitarse cada noite durante catro anos pendente de se vas entrar na cadea ou non”, polo que asegurou non entender a actitude do Goberno de Rajoy “a non ser que sexa unha medida exemplarizante coa que se busca dar unha lección e lanzar un aviso a navegantes”. Neste senso iría precisamente a escalada represiva que nos últimos tempos se materializou na aprobación da Lei Mordaza ou na reforma do Código Penal. “Non se explica que continúen sen conceder un indulto que é de xustiza cando si o fan en casos nos que existen delitos de verdade”.

Continuar coas mobilizacións

Diante disto, quixo deixar moi claro que os sindicatos “non imos abandonar nunca a estes traballadores que o único que fixeron foi loitar por mellorar as súas condicións de vida e as dos seus compañeiros/as”, ao tempo que adiantou que “continuaremos a mobilizarnos até que se lles conceda o indulto”.

Ademais, non descartou outro tipo e protestas no caso de que a medida de graza se atrasa aínda máis “porque non imos permitir que esta situación se eternice, co conseguinte prexuízo para eles e para as súas familias”.

Finalmente, reiterou o chamamento ao conxunto da veciñanza da bisbarra para que participe na manifestación que arrincará de Vía Norte este xoves 22 ás 18:30 horas “xa que está claro que o que lles pasou a eles pode pasarlle a calquera, xa que non eran nin delegados sindicais, eran traballadores loitando na defensa dos seus dereitos”.

Volver