Nova mobilización contra a vaga de despedimentos en Eroski

A CIG, CGT e UGT desenvolveron unha concentración diante dun supermercado Familia en Vigo
Vigo - 21 Mar 2017

Tres dos sindicatos con representación no comité de empresa de Eroski -entre eles a CIG- desenvolveron hoxe en Vigo a primeira das mobilizacións previstas no novo calendario de protestas convocado para rexeitar a vaga de despedimentos na cadea de distribución. Dende a central nacionalista denuncian que a compañía rescindiulles o contrato a sete traballadores/as nas últimas semanas -para o que botou man da reforma laboral do PP- co obxectivo de desfacerse do persoal fixo, aumentando así a precariedade.

Nesta ocasión as centrais optaron por concentrarse ás portas do supermercado Familia -pertencente ao grupo vasco- situado en San Andrés de Comesaña, onde despregaron varias faixas e permaneceron de 11.00 a 13.00 horas berrando consignas contra a decisión da empresa de rescindirlle o contrato a sete traballadores/as fixo/as e con antigüidade na compañía para substituílos/as por persoal eventual.

“Aplican a reforma laboral do PP para desfacerse dos empregados/as con máis tempo na empresa para seguir a contratar traballadores/as a tempo parcial, aumentando así a precariedade e pagando salarios de miseria”, indican dende a federación de Servizos da CIG. Diante disto, reclámanlle á empresa que dea marcha atrás e readmita a todos/as os traballadores/as despedidos/as.

A seguinte protesta terá lugar este venres 24, nesta ocasión diante do Eroski de Mos, tamén de 11.00 a 13.00 horas; a última mobilización está fixada para o vindeiro venres 31 de marzo no economato de Citroën, no barrio de Coia, entre as 11.00 e as 13.00 horas.

>>Máis información sobre a campaña de protestas