As declaracións dos responsábeis do INSS evidencian "que para valorar incapacidades os únicos criterios son os económicos"

López Rei: "é un escándalo a arbitrariedade e despreocupación de quen ter que dar as altas e baixas"

A Coruña -

O martes 14 de novembro, o director provincial do INSS na Coruña e o ex presidente do Equipo de Valoración de Incapacidades (EVI) acudiron a declarar na súa calidade de investigados por unha actuación do instituto público revogando a incapacidade absoluta permanente a un traballador gravemente intoxicado por mercurio. As súas declaracións evidencian que nas valoracións para dar as altas ou as baixas pesan máis os criterios económicos que a saúde das traballadoras e os traballadores.

"O que se deduce das declaracións é que as resolucións do EVI son totalmente arbitrarias, porque todos os que alí foron declarar recoñeceron que non len os informes de síntese e que asinan practicamente en branco", critica Ernesto López Rei, secretario de Acción Sindical da CIG da Coruña. Para el, as palabras do actual director provincial do INSS e do presidente e a secretaria do EVI naquel momento "dan a entender que este tipo de actuacións é xeneralizada e que as altas e as baixas se dan exclusivamente por criterios de eficiencia económica e non por criterios médicos".

Despreocupación absoluta

A argumentación destas tres persoas, engade con ironía, "segue a pauta do 'eu non sei nada' utilizada pola infanta Cristina ou Mariano Rajoy". Para López Rei resulta especialmente preocupante o testemuño do ex responsábel do EVI, ao explicar que "non revisaba os informes de síntese, que non tiña tempo para ler os expedientes, que non ten idea de medicina e pouco menos que nin lle preocupaba, porque el está para outras cuestións". En liñas similares expresouse o director provincial e a secretaria do EVI.

Unha despreocupación tal por parte de quen a potestade de dar baixas e altas que para o representante sindica resulta "un auténtico escándalo". A declarar tamén estaba chamada a doutora que no seu día asinou o informe de revogación da incapacidade, mais que faleceu no tempo transcorrido dende a presentación da denuncia. "Co mesmo informe de síntese, esa doutora asinou unha incapacidade total, meses despois a absoluta e despois revogouna, nunha decisión totalmente arbitraria, neglixente e inxusta".

No marco das declaracións saíu a relucir o plus de produtividade que o INSS abonaba ao persoal funcionario polas altas dadas. Un complemento que, lembrou López Rei, foi declarado ilegal no seu momento, froito dunha denuncia interposta pola CIG.

Instrución xudicial

As declaracións enmárcanse nas dilixencias previas abertas polo xulgado de instrución número 8 da Coruña a raíz da denuncia que a CIG presentou en 2014 por prevaricación administrativa contra o INSS, tras revogarlle a incapacidade absoluta permanente a Pablo Sáchez, quen sufre unha intoxicación grave por mercurio derivada do seu  traballo nunha empresa de fabricación de rótulos fluorescentes.

A súa vida está apegada aos fármacos (ten arredor de 40 patoloxías diferente para as que toma máis de 1.000 medicinas cada mes) e aos hospitais, ten problemas motrices e mesmo tivo que volver aprender a falar "e aínda así o EVI decide non revogarlle a pensión de invalidez absoluta á total, senón quitarlle de todo a prestación, dicíndolle que está apto para traballar. A un home trúncanlle a vida por un problema médico derivado do traballo e a quen ten que valorar esa situación non lle importa nada", lamentaba López Rei, adiantando que a CIG pedirá a apertura de xuízo oral.

Volver