As docentes que non viven nas áreas urbanas vense discriminadas na realización da revisión xinecolóxica

CIG-Ensino denuncia que isto ocorre "por un interese económico" da empresa que xestiona o servizo

Nacional -

A CIG-Ensino denuncia que as docentes galegas que non viven nos ámbitos urbanos teñen que desprazarse, nalgúns casos a máis de 100 quilómetros de distancia, para realizar a revisión xinecolóxica incluída na campaña anual de vixilancia da saúde do persoal de centros docentes. Así acontece, por exemplo, con profesoras que se teñen que desprazar desde a Costa da Morte á Coruña, ou desde A Mariña a Lugo, desde Valdeorras a Ourense ou desde o Salnés a Pontevedra.

En todos estes casos hai servizos de xinecoloxía na rede pública e, desde logo, oferta privada máis próxima que nas capitais provinciais. Estes desprazamentos prodúcense, por tanto, non por unha falta de persoal facultativo especialista en xinecoloxía próximo á residencia das mestras e das profesoras, "senón exclusivamente por un interese económico da empresa que xestiona a revisión médica".

Por iso dende a CIG-Ensino entenden que este colectivo está sendo "dobremente discriminado, ben polo feito de seren mulleres, ben por motivos territoriais". Hai que ter en conta que as mulleres son maioría entre o profesorado galego e que, se calquera discriminación de xénero é denunciábel, máis rechamante resulta cando se produce desde a propia administración co seu persoal.

Abono dos custos de desprazamento

Dado que a campaña de vixilancia da saúde está comezando estes días, o sindicato vén de remitirlle un escrito á Consellaría para que artelle unha solución de cara a este curso académico co fin de que as afectadas poidan, cando menos, acudir a este servizo na súa comarca. "Cando isto non sexa posíbel, por non existir oferta médica na súa contorna, a Xunta debe correr cos gastos de desprazamento que se ocasionen", engaden.

De acordo co artigo 14.5 da Lei 31/1995 de Prevención de Riscos Laborais, o custe económico de calquera medida relativa á seguridade e á saúde non debe recaer nunca nas traballadoras ou traballadores. Así pois, a Consellaría, a través da entidade privada que presta este servizo, ten a obriga de prestarlle un trato igualitario a todo o persoal e a non repercutirlle ningún custe, nin temporal nin económico. "Isto, que evidentemente é aplicábel con carácter xeral para todo o profesorado, ten unha maior incidencia, como xa se indicou, no caso das revisións xinecolóxicas".

Recoñecemento médico no SERGAS

Cómpre lembrar que o recoñecemento médico para o persoal docente foi unha vella reivindicación da CIG-Ensino que conseguiu gañarlle o pulso á administración nos tribunais con sentenzas favorábeis primeiro no TSXG e despois no Supremo. Porén, a privatización deste servizo, que levou a cabo a Xunta ao adxudicarllo a unha empresa mutualista, "non responde ás nosas demandas ao entender que debe ter carácter público para garantir unha óptima calidade asistencial. Esta situación que hoxe denunciamos non fai máis que darnos a razón", aseveran.

O SERGAS ten unha cobertura territorial máis ampla e cubriría mellor as necesidades destas traballadoras pero a Xunta aludiu a cuestións orzamentarias para non asumir directamente o plan de vixilancia da saúde docente. Desde a CIG-Ensino insisten en que este debería ser o modelo e que a decisión de non levalo a cabo "responde máis ben ao interese por beneficiar a unha empresa privada que por cuestións de gasto público".

Volver