As empresas auxiliares queren aproveitar as mobilizacións do persoal de Navantia para escatimar salarios aos seus operarios/as

Ferrol - 29 Abr 2024

A CIG-Industria de Ferrol lémbralle ás empresas auxiliares do naval que non lle poden descontarlle aos seus traballadores e traballadoras o tempo que non puideron acudir ao seu posto a causa das mobilizacións que está a desenvolver o persoal de Navantia.

O xoves e venres da pasada semana, o persoal da principal realizou cortes ás portas do estaleiro de Ferrol pola negociación do seu convenio, o que imposibilitou o acceso ao interior das instalacións até as 10horas, en cada un deses días.

Agora, algunhas das empresas auxiliares de Navantia pretenden aproveitar esta circunstancia para aforrar cartos descontándolle dos salarios ao seu persoal as cantidades correspondentes polo tempo que non puideron acceder ao posto ou restándolle tempo das súas vacacións.

Diante desta actuación pirata, a CIG-Industria de Ferrol lémbralle ás empresas que non poden retirar nin soldo nin días de descanso, xa que os traballadores e as traballadoras acudiron traballar no seu horario habitual pero non puideron acceder ao estaleiro por cuestións alleas a súa vontade.

En todo caso, subliña o secretario comarcal da CIG-Industria, Vicente Vidal, "o que terán que facer as auxiliares é reclamarlle a Navantia" e advirte que, de detectarse casos de desconto de salarios ou vacacións, "emprenderemos as medidas que sexas precisas para evitar este abuso".