As ensinanzas políticas do Brexit

Manuel Mera - 13 Feb 2020

O Brexit amosa o fracaso da globalización, das políticas neoliberais, dunha Unión Europea ao servizo das grandes empresas e fortunas, e onde as decisións están cada vez máis na man de institucións non electas polo pobo e os lobbys empresariais

 A decisión do Reino Unido de saír da Unión Europea é analizada por esta última como produto da xenofobia e dunha andaina cara ao desastre económico e social por parte das illas. Unha conclusión que non se cansan de repetir os medios e que comparten moitos británicos tendo en consideración a estreita marxe pola que se impuxo a saída (un 52% fronte a un 48% no ano 2016). Agora ben, até que punto estes argumentos, que utiliza a dereita e a esquerda sistémica, son totalmente certos?

 A xustificación que utiliza a maioría do laborismo e da socialdemocracia europea é o peso que tivo na decisión a cuestión migratoria entre sectores moi importantes da clase traballadora, e que fose a dereita a que terminase recollendo a maior parte deste voto, tanto no referendo do Brexit como nas últimas eleccións. Mais, que fose así ten a súa lóxica, xa que malia presentar no último momento un programa máis radical no económico e social, o Partido Laborista mantivo unha postura ambigua respecto do Brexit e terminou propondo un segundo referendo, mentres que Boris Johnson mantivo sempre a mesma postura, co que isto implicaba de aceptar a vontade popular, malia que logo non cumprise os prazos comprometidos e terminase esquecendo os compromisos sociais.

 Mesmo así, a dereita non medrou tanto como se di, só aumentou 1,2 puntos sobre as eleccións de 2017. Tamén creceu a abstención, un factor que normalmente ten unha maior repercusión na clase obreira e na mocidade, que pasou do 31,3% en 2017 ao 32,7%. En realidade o que cambiou o panorama foi o importante recuar dos laboristas, que pasaron do 40% ao 32,2% dos votos. Lembremos que o RU está dividido en 650 distritos que elixen un representante.

 Chama a atención que se faga unha crítica tan dura a Corbyn dende os medios de comunicación “progresistas”, cando hai uns meses era presentado como o líder da nova esquerda europea, cuxos pasos debían seguir os partidos socialdemócratas que foran perdendo relevancia. Afírmase agora que carecía de atractivo para o electorado, esquecendo que hai dous anos conseguía case superar os conservadores nas eleccións xerais. Algúns aproveitan para propoñer unha viraxe do laborismo á moderación (ou sexa abandonar as reivindicacións laborais e sociais), deixando en evidencia por onde van os tiros e a importancia deste sector no partido, que xa condicionou as propostas de Corbyn respecto do Brexit.

 Para os globalizadores de “esquerda” a clase traballadora non sabe votar, recobrando así o vello argumentario elitista da dereita liberal. Para estes sectores é secundario que os obxectivos e medidas da UE estean claramente unidos ás políticas neoliberais que aumentaron a precariedade laboral, e que privatizan e reducen os servizos e as prestacións públicas. Obvian ou restan importancia a que este modelo centraliza e concentra a riqueza e o poder, acrecentando a desigualdade territorial e entre clases sociais, ou sexa, que cada vez son máis as persoas que están no desemprego mentres non deixa de crecer a xornada laboral real e de baixar os salarios. Daquela o crecemento da pobreza e que unha boa parte das familias estean hipotecadas de por vida.

 Porén todo indica que a Unión Europea ten un valor distinto para as clases altas hexemónicas e unha boa parte das clases medias acomodadas, ou aquelas persoas que esperan selo. Para este segmento da sociedade a globalización amplía o mercado e aumenta o lucro, e agranda as oportunidades para o negocio e as carreiras profesionais. Daquela que relativicen a deslocalización empresarial e a inmigración masiva (en boa medida forzada), e as súas consecuencias na disputa polo emprego nas clases subalternas (precariedade, caída dos salarios, medre da xornada), especialmente cando a taxa de desemprego é superior á estrutural (2%-4%).

 Respecto da problemática migratoria cómpre lembrar que non foron precisamente as alternativas xenófobas as que inclinaron a balanza a prol do Brexit no Reino Unido. Nun artigo, Andy Robinson di: “É difícil cualificar de racismo os receos dos paquistanís de cuarta xeración ante a chegada de miles de polacos. Máis ben é o medo que senten moitos traballadores/as precarios/as, de soldos minguantes, que ven ameazada a súa supervivencia. En Birkenhead, na beira oeste do río Mersey, en fronte de Liverpool, 10.000 persoas reciben axuda alimentaria, malia que a taxa de paro é de só o 5%”. Ou sexa, o Brexit foi unha resposta a unha Unión Europea que sacraliza a desregulación laboral e que alenta a man de obra de reserva para aumentar a taxa de beneficios do capital. Se cadra a actitude simplista da “esquerda”, cada vez menos ligada á problemática da clase traballadora, débese á perda de peso das organizacións sindicais e os partidos que se reclaman de clase.

 A cuestión migratoria non se pode analizar parcialmente; cómpren políticas que solucionen o problema en orixe, que regulen o proceso e integren a inmigración en todos os aspectos. Teño escrito noutras oportunidades deste tema. Meus pais e meu avó foron emigrantes, eu crieime, estudei, traballei e militei, na emigración, tanto no nacionalismo galego así como na daquela chamada esquerda revolucionaria arxentina. A inmigración non é unha consigna, nin abrir as portas e despois obviar que son persoas que practicamente non participan da vida social e política e das mobilizacións, e das que a metade viven en situación de pobreza (en beneficio do gran capital coa colaboración do goberno e das estruturas de poder, incluíndo os medios). A caracterización vólvese máis complexa cando o país receptor ao mesmo tempo expulsa persoas nacidas nel, dando lugar a un proceso de substitución. En síntese, non é unha actitude solidaria a que amosa o capital coa inmigración, senón puro negocio e fragmentar e debilitar a loita popular.

 Os datos tamén amosan que non é verdade a existencia dunha fenda política respecto do Brexit entre as persoas maiores, disque conservadoras e do ámbito rural, e a mocidade seica máis aberta das cidades. Trátase dunha falsidade que se utiliza para deslexitimar o voto a prol da saída. Nos suburbios das grandes urbes (Londres, Manchester, Liverpool) foi onde se deron as porcentaxe máis altas a prol do Brexit. E, segundo as enquisas, sendo certo que nos menores de 35 anos a postura a prol do Brexit foi superada polos/as que se opuñan á saída, non se pode obviar que foi a abstención a postura máis representativa. Concretamente, entre os 18 e 24 anos a abstención atinxiu o 64%; e entre 25-34 anos o 42%. Daquela, tirar como conclusión que a mocidade aposta pola Unión Europea non é verdade, en todo caso non tomou partido ou está en contra de ambas as alternativas.

 As organizacións e partidos políticos da esquerda non poden ignorar que a UE está cuestionada polo pobo, que a olla máis como unha lousa que como unha solución, e non só no Reino Unido. Outra cuestión é que nesta conxuntura se vexan outras alternativas como viábeis, tendo en consideración o grao de concentración e centralización da economía e do poder. As clases populares e a maioría das nacións foron perdendo participación e protagonismo nas institucións políticas, e degradouse o papel das organizacións sociais e dos partidos, aínda que haxa excepcións. Superar estes atrancos e eivas só é posíbel con propostas e tarefas concretas, obxectivos transformadores e unha folla de ruta clara, para o que é necesario militancia formada e entregada para gañar a loita das ideas, para ocupar a rúa e copar as institucións. E sobre todo analizar correctamente a realidade, as tendencias dominantes, a correlación de forzas e o estado de ánimo da vangarda política e dos sectores intermedios e atrasados. Hai que rexeitar o derrotismo, porén tamén o ideoloxismo. Este é o gran reto para a liberación nacional e social de todos os pobos.

 No Reino Unido gañou a dereita, din que por unha década, polo tanto a esquerda deberá aprender dos seus erros e eivas. Terase que aclarar respecto se é posíbel un futuro para a humanidade xusto e democrático na globalización neoliberal, mesmo que permita algúns cambios. Ou se o modelo debe ser a libre asociación de nacións, onde prime a solidariedade, para garantir a xustiza social e a igualdade en todos os países e todas as persoas. Son dous camiños distintos, e neste último o Brexit ten sentido, mesmo que transitoriamente o proceso sexa dirixido pola dereita. Tampouco se pode ignorar que tacticamente pode implicar un avance nos dereitos nacionais para Escocia e a unidade de Irlanda. En todo caso o Brexit amosa o fracaso da globalización, das políticas neoliberais, dunha Unión Europea ao servizo das grandes empresas e fortunas, e onde as decisións están cada vez máis na man de institucións non electas polo pobo e os lobbys empresariais. Hai quen pensa que se pode mudar, porén na práctica esta tendencia regresiva da UE é cada vez máis forte.

 

 

[Vigo, 13 de febreiro de 2020]