Familias da escola infantil Vila Laura de Vigo reclaman unha mestra de apoio nun inicio de curso marcado pola falta de persoal

A CIG-Ensino, que apoiou a mobilización convocada pola ANPA, esíxelle á Consellaría de Educación que atenda as demandas dos centros
Vigo - 25 Set 2026

As familias da Escola de Educación Infantil (EEI) Vila Laura de Vigo mobilizáronse hoxe convocadas pola ANPA Magnolia, e co apoio da CIG-Ensino, para esixir a incorporación da mestra de apoio que lles corresponde. Dende a central esíxenlle á Consellaría de Educación que atenda as demandas dos centros nun inicio de curso marcado pola falta de persoal.

A CIG-Ensino denuncia que a falta desta docente compromete apoios ao alumnado con máis necesidades e reduce a capacidade da escola para atender ausencias e outras incidencias, ao tempo que sinala que a situación da Vila Laura forma parte dun problema máis amplo de vacantes sen cubrir e de postos que non se están a dotar aínda correspondendo por catálogo, nomeadamente apoios de infantil e especialistas para atención á diversidade.

Para a central sindical, a falta de cobertura efectiva destas prazas provoca unha sobrecarga dos equipos docentes, dificulta a atención individualizada e a obriga os centros a reorganizar os seus recursos para poder garantir o funcionamento ordinario.

Neste senso, lembran que no CEIP Infante Felipe de Salvaterra reclámanse unha docente máis de Pedagoxía Terapéutica (PT) e de Audición e Linguaxe (AL) do catálogo e unha orientadora a xornada completa; no CEIP Antonio Carpintero de Arbo non se cubriu unha praza de PT do catálogo; no CEIP Altamar de Vigo a dotación de PT de atención preferente do curso pasado foi substituída por unha de media xornada; e no CEIP Frián de Teis especialistas de PT están asumindo titorías debido á falta de profesorado. A maiores, as familias do CEP Altamira quéixanse da masificación nas aulas de primeiro de Primaria, que pasaron das catro previstas a tres.

E denuncian que as dotacións de atención preferente, destinadas a responder a necesidades específicas do alumnado, “non poden servir como escusa para deixar sen cubrir postos ordinarios, xa que a consecuencia é menos capacidade para atender a diversidade”, segundo sostén a secretaria comarcal da CIG-Ensino de Vigo, Tamara Martínez. O sindicato reclama ademais que as vacantes estruturais e as substitucións se cubran con carácter inmediato.

Novas mobilizacións no IES de TEIS

No IES de Teis, tras a protesta desenvolvida a semana pasada para rexeitar o recorte de recursos, o profesorado, ante a ausencia de solucións, convoca concentracións semanais todos os martes na entrada do centro ás 11:50 horas. O instituto acumula xa máis de 80 incidencias técnicas sen atender que dificultan gravemente a actividade docente e afectan a máis de 1700 persoas usuarias, 700 ordenadores e toda a infraestrutura de servizos informáticos do centro.

Outros centros da comarca padecen tamén falta de persoal, tal e como ten denunciado a central sindical: CIFP Manuel Antonio, CIFP Audiovisual, CIFP Paz Andrade, CIFP A Granxa, IES Chapela, IES Pedro Floriani, CEIP Frián, CEIP San Roque de Darbo ou Pazo da Mercé das Neves.

Por todo isto, a CIG-Ensino esíxelle á Consellaría a incorporación da terceira mestra de apoio no Vila Laura, a cobertura das vacantes de xeito inmediato e unha solución para todas as incidencias pendentes. “O inicio de curso non pode sosterse co sobreesforzo do profesorado mentres a administración educativa non da resposta ás necesidades dos centros”.