As Irmandades da Fala, lingua, soberanía e xustiza social

Manuel Mera - 15 Mai 2023

Existiu unha converxencia que liga o movemento agrario e obreiro galego co nacionalismo en moitos conflitos (como no de Nebra, en Portosín, en outubro de 1916, ou no de Sobredo en Tui, en 1922)

 Sen dúbida, as Irmandades da Fala foron un paso adiante cualitativo do pobo galego non só na defensa e promoción da lingua propia, co que isto ten de positivo para a nosa identidade e contribución á riqueza da humanidade, senón tamén na loita a prol da soberanía nacional. A iniciativa para constitución das Irmandades foi de Antón Villar Ponte.

 No ano 1915, o escritor Aurelio Rivalta fixera un chamamento neste sentido na revista Estudios Gallegos. Mais sería Antón Villar Ponte o que comezou, o 5 de xaneiro de 1916, unha campaña para levar adiante esta idea. A primeira xuntanza celebrouse nos locais da Academia Galega, na cidade da Coruña, o 18 de maio de 1916. Acudiron 20 persoas, coa finalidade de crear unha liga de amigos do idioma galego. Deseguido naceron noutras cidades e vilas asociacións semellantes, por exemplo, en Compostela, Ourense, Monforte, Pontevedra e Vilalba, ese mesmo ano. Na agrupación de Ourense, integráronse ao pouco persoeiros como Antón Losada Diéguez, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e Florentino López Cuevillas. O voceiro das Irmandades da Fala sería A Nosa Terra, cabeceira que antes o fora de “Solidaridad Gallega” (1907-1912).

 As Irmandades non xorden tan espontaneamente, son parte dun proceso de maduración na conciencia política, e da necesidade de dar resposta a unha agudización das contradicións, entre as clases sociais, mais tamén entre o centro e a periferia, a medida que se desenvolve o capitalismo. Hai que salientar antecedentes de tanta importancia como a Revolución de 1846 e o banquete de Conxo en 1856. A publicación de Cantares Gallegos en 1863 e a Historia de Galicia de Vicetto en 1865. As revoltas agrarias do sexenio, con ducias de mortos. A insurrección de mariñeiros e operarios en Ferrol en 1872. A creación do Partido Republicano Gallego en 1873, que reclamaba un goberno propio para Galiza, así o exixiu a Asemblea Federal de Compostela á que asistiron 545 delegados. Ou o primeiro xornal exclusivamente en galego, O Tío Marcos da Portela, dirixido por Lamas Carvajal en 1876, e a creación da Academia Galega en 1906.

 Non se pode obviar que incidiu o contexto internacional, ao que a intelectualidade galega sempre estivo moi vencellado. Lembremos que Europa está mergullada na Primeira Guerra Mundial. A revolta ferve en Irlanda, onde na Pascua de 1916 se inicia unha insurrección (24-29 de abril) que remata en represión sanguenta por parte do exército do Reino Unido, o que terá como efecto que o soberanismo desprace en poucos meses o autonomismo como referencia popular. En Rusia o réxime tsarista descomponse abrindo as portas á revolución democrática de febreiro e á socialista en outubro de 1917. Coa mesma rapidez esfarélanse o Imperio Otomán e o Austro-Húngaro, xurdindo novos estados. É a hora da liberación das nacións sometidas en Europa e Medio Oriente; tamén do ascenso da clase obreira, que se atopa na vangarda da conquista dun sistema económico-social máis xusto. Existiu unha converxencia que liga o movemento agrario e obreiro galego co nacionalismo en moitos conflitos (como no de Nebra, en Portosín, en outubro de 1916, ou no de Sobredo en Tui, en 1922).

 Moitos/as dos que integraron as Irmandades da Fala estaban ligados coas loitas sociais da época. Lembremos o seu papel nas asembleas agrarias que potencian a mobilización contra o sistema foral e apostan por unha revolución tecnolóxica que aumente a renda labrega. As Irmandades amosan que hai un século as condicións de vida, soberanía, identidade e lingua, xa eran para o nacionalismo parte do proxecto de país.

 Nas Irmandades existían unha diversidade de opinións respecto de temas centrais, como a cuestión nacional e social, e mesmo da folla de ruta a seguir, definen o proxecto común na Asemblea Nazonalista de Lugo de 1918. Dela sae un programa progresista, que considera que sendo Galiza unha nación este termo reflicte mellor o movemento iniciado polas Irmandades que o de “rexión”. O manifesto que se aproba na Asemblea Nazonalista reivindica, entre outros aspectos: “a autonomía integral para Galiza (...) unha soberanía, completa e sen cativeces”. Ademais proponse: a federación da Iberia con Portugal, e dar pulo as relacións co país irmán; a igualdade de dereitos para muller; a eliminación as deputacións provinciais; réxime tributario sen intervención do poder central; a nacionalización dos ferrocarrís; etc. Polo tanto, ten a súa lóxica que moitas das persoas que integraron as Irmandades da Fala estivesen ligados coas loitas sociais da época, e que fosen semente tanto de ORGA como posteriormente do Partido Galeguista.

 

[Galiza, 15 de maio de 2023]