As mobilizacións de Atento trasládanse até a mutua para esixir o cese das presións ao persoal de baixa

Este xoves arrinca o proceso de mediación solicitado pola empresa

A Coruña -

Traballadoras e traballadores de Atento mobilizáronse este mércores diante da mutua Fraternidad Muprespa para esixir o cese das presións e o acoso ao persoal para que acurten a duración das baixas.  Esta é a segunda ocasión que o comité leva as protestas até a mutua para denunciar a “mala praxe” da entidade, máis interesada no aforro que na saúde das traballadoras e dos traballadores.

A representación social denuncia que a mutua exerce presións desmedidas para que os traballadores e traballadoras soliciten a alta médica e "se  non o fan, propón a alta aínda que a persoa afectada siga enferma".  Esta situación foi denunciada diante da dirección de Atento en numerosas ocasións, pero foi só grazas ás intensas mobilizacións que o persoal está a realizar dende finais de maio, que a empresa se comprometeu a falar coa mutua para ver “se estaban cumprindo a legalidade”. Mais de momento, as prácticas “seguen as ser as mesmas”, critica a sección sindical da CIG.

Constitución da comisión para a mediación

En canto ás negociacións coa dirección sobre a plataforma reivindicativa,  dende a sección sindical explican que este xoves terá lugar a constitución da comisión de conciliación e mediación na sede da Inspección Provincial. Dende o comité lamentan que a empresa non lles comunicara directamente os seus plans, senón que foi a través do AGA “como nos soubemos de que Atento Teleservicios solicitara procedemento de mediación”. 

Neste senso, o comité xa advertiu que non se vai someter ás chantaxes de Atento e manterá os paros laborais e as mobilizacións até lograr unha solución satisfactoria. Reiteran a disposición a “reunirnos con quen sexa, onde sexa e as veces que sexa necesario para intentar chegar a acordos”, pero lembran a escasa vontade negociadora amosada pola empresa até agora. Por iso, chaman a todos os traballadores e as traballadoras a permanecer unidas e seguir participando nos paros e nas concentracións que terán lugar o próximo luns, en cada unha das quendas.

Volver