Solicitada reunión de urxencia con Sanidade polos posíbeis recortes de persoal e servizos nas ambulancias

A patronal do transporte non urxente escúsase en que os contratos son deficitarios
Nacional - 22 Nov 2019

As organizacións sindicais CIG, CCOO e UGT veñen de solicitar unha reunión de urxencia á Consellaría de Sanidade para abordar os recortes nos cadros de persoal e na prestación do servizo anunciados pola patronal do transporte de enfermos/as e accidentados/as en ambulancia (non urxente), así como a posíbel renuncia aos contratos. As empresas trasladaron esta información na xuntanza da comisión paritaria do convenio que tivo lugar esta mañá en Santiago.

A patronal, explica Xesús Pastoriza, responsábel de transportes da FGAMT-CIG, escúsase no incumprimento do acordo verbal que había co SERGAS para incrementar un 4% a dotación económica dos contratos e polo tanto entende que, debido ao exceso de servizos e horas que se están a realizar (que as empresas calculan que equivale a 70 ambulancias máis das contratadas) e de aplicaren a suba recollida noconvenio, os contratos serían deficitarios.

Na reunión da comisión paritaria, a patronal tamén informou que, diante desta situación, solicitaron ao SERGAS a rescisión do contrato ou ben a non renovación deste tras a súa finalización.

Pero para maior gravidade, segundo comunica a patronal, o propio SERGAS propuxo reaxustar o número de servizos para así reducirlles os custes, pero á patronal non lles parece suficiente polo que teñen intención de quitar as ambulancias que están por enriba do establecido nos contratos. "Isto na práctica traducirase nun recorte dos cadros de persoal do transporte non urxente e tamén nunha redución no servizo que se lle presta á cidadanía, situación que nos parece intolerábel", subliña Pastoriza.

As tres organizacións sindicais acordan solicitar unha reunión urxente á Consellería de Sanidade para contrastar esta situación e, no caso de que estes recortes sexan confirmados, tomarán  as  medidas que se estimen oportunas para se cumpra co establecido no convenio que tanto lles custou pelexar os traballadores e traballadoras e para garantir un servizo de calidade e que cubra as necesidades da cidadanía.