• 18-05-09 RoldaPrensaTecaeAlvaroCunqueiroVigo01.jpeg
  • 18-05-09 RoldaPrensaTecaeAlvaroCunqueiroVigo02.jpeg
  • 18-05-09 RoldaPrensaTecaeAlvaroCunqueiroVigo03.jpeg
  • 18-05-09 RoldaPrensaTecaeAlvaroCunqueiroVigo05.jpeg
  • 18-05-09 RoldaPrensaTecaeAlvaroCunqueiroVigo04.jpeg
  • 18-05-09 ProtestaTecaeVisitaConselleiroAlvaroCunqueiroVigo.jpeg

O colectivo de TCAE do Cunqueiro, en pé de guerra pola obriga de transportar as bolsas da roupa sucia

A empresa deixou de facer este labor e a Xerencia optou por encargarllo ás auxiliares de enfermaría

Vigo -

O colectivo de Técnicas/os en Coidados Auxiliares de Enfermaría (TCAE) do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo decidiu intensificar a campaña de mobilizacións contra a decisión unilateral da Xerencia da EOXI de encargarlles o transporte das bolsas de roupa sucia dende a entrada das habitacións despois de que a empresa que xestiona os servizos privatizados deixase de facelo.

O conflito laboral comezou o pasado mércores día 2, cando a concesionaria do Álvaro Cunqueiro deixou de transportar as bolsas de roupa sucia dende a entrada das habitacións como viña realizando dende a apertura do centro sanitario. Ese mesmo día a Xerencia da EOXI tomou unilateralmente a decisión de que esa tarefa fose asumida polas/os TCAE, provocando un profundo malestar entre o persoal, que optou por iniciar mobilizacións diarias para evitar que esa tarefa repercuta no seu labor diario xa que entenden que non é a súa función, ademais de afectar negativamente á atención que se lle presta a pacientes e usuarios/as.

Dende a Comisión de Centro, cuxos representantes compareceron hoxe en rolda de prensa para informar das novidades do conflito e anunciar as próximas mobilizacións, están a esixirlle á dirección do Sergas que dea marcha atrás na súa decisión e que esta función non recaia sobre as TCAE, tal e como acontecía até o de agora.

Peche de 24 horas

“Consideramos que a Xerencia da EOXI de Vigo amosa unha vez máis que está ao servizo da concesionaria; esta nova carga de traballo que se lle impuxo ás TCAE, aparte da sobrecarga de traballo que supón, resta tempo para unha correcta asistencia a pacientes e usuarios/as”, afirmaron os representantes do persoal diante dos medios de comunicación.

Por todo isto, fixeron un chamamento ao conxunto das traballadoras/es a continuar participando nas concentracións convocadas todos os días diante do despacho da Xerencia, no hospital Álvaro Cunqueiro, ás 12:00 horas, ao tempo que anunciaron que levarán a cabo un peche de 24 horas na entrada principal do centro sanitario o vindeiro xoves 10 de maio a partir das 12:00 horas e outro o martes 15 no mesmo horario. Ademais, hoxe aproveitaron a visita do conselleiro de Sanidade ao hospital para desenvolver unha protesta.

Volver