As traballadoras das escolas infantís volverán á folga este mércores 8 de novembro por un convenio digno

Nacional - 06 Nov 2023

As traballadoras das escolas infantís privadas e de xestión indirecta, etapa 0-3, volverán á folga este mércores, 8 de novembro, en resposta á teima patronal de bloquear a negociación do XIII convenio colectivo, así como para rexeitar a última proposta "miserenta e involutiva" presentada polo empresariado na reunión que tivo lugar o 2 de novembro, e que foi rexeitada por todas as organizacións sindicais.

A CIG-Ensino fai un chamamento á unidade sindical, como única vía para gañar canto antes este novo pulso das patronais. "Isto ten que facer reaccionar con moita máis forza e enfado o sector, cuxas táboas, conxeladas dende 2021, xa quedaron por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional e cuxos dereitos laborais e sociais están tan só ao nivel do Estatuto das Persoas Traballadoras", subliñan. Lembran que este convenio é un dos máis precarios dos todos os convenios existentes a día de hoxe no ámbito da ensinanza.

Na última mesa de negociación, a número 11, a CIG-Ensino rexeitou enerxicamente a proposta patronal por insuficiente, inxusta e inxustificada, ao querer seguir mantendo a precariedade salarial e afondar na involución de dereitos sociais e laborais do persoal traballador, "máis despois do esforzo que fixeron na pandemia, que non se recoñece, así como tampouco se recoñece a súa constante formación, responsabilidade e profesionalidade, que cada vez son maiores".

Mobilizacións na Coruña, Vigo e Compostela

Como nas dúas  primeiras xornadas de folga (convocada por CIG-Ensino, CCOO Ensino e SNEP), que foron un éxito, o persoal mobilizarase de novo nas cidades de Vigo e A Coruña, sumándose desta volta tamén Santiago de Compostela:

- Na Coruña,  a manifestación sairá ás 11:30 dende a Praza de Pontevedra e o persoal irá até o Obelisco.

- En Vigo, a manifestación sairá ás 12:00 horas de diante do MARCO e o persoal irá até a Porta do Sol.

-En Santiago, terá lugar unha concentración ás 12h diante da patronal galega (CEG), situada na rúa do Vilar, 54.

A folga continuará o 15 de novembro

O 15 de novembro está convocada a cuarta xornada de folga e para ese día haberá manifestación nacional en Santiago de Compostela, que sairá da Alameda, pasará pola sede da CEG e rematará na Praza de Praterías. A CIG-Ensino fai un chamamento masivo a toda a comunidade educativa para organizarse e encher as rúas de Compostela, coa finalidade non só de loitar polos dereitos laborais, sociais e salariais do persoal traballador, senón tamén para acadarmos unha ensinanza de calidade nesta etapa 0-3 para as crianzas.

Convenio galego

A CIG-Ensino reitera que o único marco de negociación colectiva válido é o galego. A resposta tan maioritaria nas mobilizacións e nas folgas que houbo en Galiza, con respecto ao resto do Estado, amosan que para acadar un convenio digno a negociación ten que estar próxima aos centros de traballo, evitando un marco estatal que xa ten demostrado que só serve para retroceder en dereitos ou para acadar, no mellor dos casos, melloras absolutamente afastadas das demandas do persoal. 

"A CIG-Ensino defende un Marco Galego de Negociación como única vía de negociación real, na que non se suplante as traballadoras e traballadores por cúpulas sindicais e patronais, e onde se defendan os seus intereses, non se vendan e intercambien, sendo directamente o persoal quen decida para poder dignificar o sector cun convenio galego xusto e digno".