O persoal das cafeterías do CHUS acada un preacordo e o cese do xerente

A CIG-Servizos de Compostela considera que foi posíbel grazas á mobilización das traballadoras/es
Compostela - 15 Nov 2018

Aramark, a empresa concesionaria das cafeterías do hospital clínico de Santiago, presentou onte ao comité de empresa o novo Xerente logo de cesar ao anterior, condenado –ao igual que esta empresa concesionaria- por acoso laboral contra unha traballadora que é, ademais, a presidenta do comité de empresa. Até o de agora, e malia as demandas da CIG e do comité, nin Aramark, nin o SERGAS adoptaran medida algunha sobre esta cuestión, porén este xoves conseguíronse avances e mesmo chegar a un preacordo que será debatido polo persoal esta tarde.

A CIG-Servizos valora positivamente esta decisión porque ademais do cese do xerente conseguiuse un preacordo que contempla unha bolsa de emprego para persoal contratado, que terá preferencia para a cobertura das vacantes que se vaian producindo, e a revisión das cámaras de vídeovixilancia que xa foran denunciadas, na que participará o comité.

Na asemblea prevista para esta tarde as traballadoras e traballadores avaliarán o acordo e decidirán tamén a desconvocatoria (ou non) dos paros que xa tiñan acordados para os días 26, 27, 28, 29 e 30 de novembro, de 9:00 a 11:00 horas e de 14:00 a 16:00.